Noticias

Francesc Giró: "Cataluña importará a experiencia do Plan Revitaliza para implementar os seus composteiros comunitarios"

O director técnico da Agència de Residus de Catalunya eloxiou a profesionalidade da xestión do modelo da Deputación de Pontevedra


19 abril 2018
Francésc Giró con Cesar Mosquera na ‘Facultade de Compostaxe'

O director técnico da Agència de Residus de Catalunya, Frances Giró, asegurou hoxe que Cataluña aproveitará a experiencia e coñecemento do Plan Revitaliza da Deputación para "replicala ou adaptala" nalgunhas comarcas cataláns onde se están a instalar composteiros comunitarios. O técnico así o manifestou xunto ao vicepresidente Mosquera en Pontevedra, onde esta tarde participará como relator  na Facultade de Compostaxe na que se está a formar a terceira promoción de mestras e mestres composteiros.

Giró destacou que "sigo con gran expectación, interese e satisfacción o avance que Pontevedra está a facer na xestión dos biorresiduos mediante a compostaxe comunitaria". Explicou que Cataluña leva máis de 25 anos traballando co mesmo obxectivo, a compostaxe, e que comezou a recollida selectiva dos biorresiduos e o seu tratamento en plantas de compostaxe ou dixestión, contando agora con 26 plantas de moi diferentes tamaños. Debido a que é preciso completar o modelo e corrixilo onde non funcionou destacou que "agora, 25 anos despois, estamos nalgunhas zonas de dispersión de poboación e imos empezar a xestión en compostaxe comunitaria como está a facer Pontevedra".

Segundo opina o director da Agència de Residus, "a compostaxe comunitaria é unha expresión moi clara, perfecta, de peche do ciclo de residuos orgánicos en proximidade". Manifestou que pode ser de difícil aplicación en grandes cidades cunha alta densidade de poboación, pero noutros contextos non: "De feito en Cataluña queremos traballar cos diferentes modelos, porque hai zonas nas que non ten sentido ir a recoller os residuos, senón que os residuos deben quedar no mesmo sitio e autoxestionarse, emulando o que facedes vós en Pontevedra" destacou.

Para o técnico catalán o exemplo de Pontevedra é totalmente positivo en canto ao seu funcionamento. Destacou que coñece moitos centros de compostaxe en varios concellos, a capital incluída, –que visitou en varias ocasións–, e non detectou ningún problema de ningún tipo, nin os temidos ‘cheiros' que alude a veciñanza.

"Cando hai unha xestión correcta como a que hai en Pontevedra non hai problemas de cheiros. Eu invitaría a que visitaran municipios de Cataluña… e fan máis cheiro os colectores de fracción resto nos que hai materia orgánica nas rúas que estas unidades de tratamento aerobio de compostaxe. Non o digo por dicir. É así. Coa compostaxe aerobia non hai fermentación e non hai cheiros. Seguro que dan máis problemas de cheiros os colectores de resto, especialmente cando se achega o verán, que estas zonas de compostaxe", insistiu.

Por outra banda, Giró tamén destacou a profesionalidade e o traballo de control do persoal técnico do Plan Revitaliza, que vixía a corrección de todo o proceso de compostaxe, tanto da comunitaria como da individual. De feito, indicou que en Cataluña hai repartidos 25.000 ou 30.000 composteiros individuais dos que "non garanto que a xestión in situ nas casas sexa correcta porque non temos estudos de trazabilidade" como os que se elaboran en Pontevedra facendo continuas analíticas.

Máis esixencias da UE

Francesc Giró tamén anunciou que hoxe o Parlamento europeo votou as novas directivas de residuos despois de que o Consello Europeo aprobara os textos consolidados hai dous meses. "Os cambios serán transcendentes e afectarán de maneira importante a todos os ámbitos administrativos", dixo.

A nova directiva establece de maneira obrigatoria para o ano 2023 en toda Europa –e por tanto en todos os estados, provincias e municipios– a obriga da xestión diferenciada e separada dos biorresiduos: recollida selectiva ou aportación e tratamento en compostaxe ou dixestión anaerobia, en definitiva, en tratamento biolóxico.

"Os biorresiduos –segundo insistiu Giró– son a fracción máis importante por presencia cuantitativa e polo seu impacto no medio. Unha mala xestión de biorresiduos supón moitos impactos ambientais e unha boa xestión é unha oportunidade para corrixir moitos outros problemas ambientais : o solo, a fertilidade, o cambio climático, a xestión dos recursos…".

A nova directiva tamén modificará o obxectivo de redución e reciclaxe vixente, que establece o 50 % de reciclaxe da bolsa do lixo para o ano 2020. A nova directiva incrementa os obxectivos de reciclaxe ao 55 %, 60 % e 65 % para os anos 2025, 2030 e 2035 respectivamente, "o que quere dicir que cando menos implica dez puntos máis de recollida selectiva". Isto é: obrigaría a recoller de forma selectiva do 65 ao 75 % dos residuos xerados, xa que, segundo indicou, reciclaxe non é o mesmo que recollida selectiva, xa que hai demasiada cantidade de residuos non adecuados ou impropios.

Giró apuntou que en España a media de reciclaxe está no 33 % se ben os datos reais están arredor do 17 % porque non se debe contar a parte do bioestabilizado. "Imaxinen o salto que hai que facer. Os obxectivos da UE non son posibles sen unha xestión correcta dos biorresiduos", sentenciou.

Giró quixo lembrar que en xullo de 2017 a UE xa enviou indicacións a España para que traballase na xestión dos biorresiduos en orixe, na recollida porta a porta e no pago por xeración, en incrementar os canons para vertedoiros e incineración e que tivese en conta que "nunha incineradora pode poñer limitacións á consecución dos obxectivos de reciclaxe".

"Creo persoalmente –insistiu– que tanto a xestión que facemos en Cataluña e tamén en Pontevedra e noutras comunidades en España está empezando a canalizar unha vía de xestión acorde co contexto urbanístico social e económico que permite transformar os biorresiduos nun recurso, nun ben que será interesante para acadar obxectivos ambientais".