Noticias

Alumnado de Enxeñería Forestal interésase polo Plan Revitaliza de Compostaxe

Estudantado de Xestión Ambiental asistiu a un seminario e coñeceu in situ o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria do campus, no que se tratan entre 30 e 40 toneladas de biorresiduos ao ano


19 marzo 2018
Alumnado de Enxeñería Forestal interésase polo Plan Revitaliza de Compostaxe

Alumnado da materia de Xestión Ambiental da Facultade de Enxeñería Forestal asistiu hoxe a un seminario sobre o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra e a unha explicación práctica sobre o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria instalados no campus universitario. O curso de formación correu a cargo da técnica de residuos Mariña Lobelle e das mestras composteiras Paula Santos e Eva Villaverde, que respostaron a moitas das preguntas do estudantado, que se mostrou moi interesado nas características da iniciativa provincial.

Segundo explicou Lobelle, o seminario foi solicitado pola profesora da materia, Xana Álvarez, quen se puxo en contacto co vicerreitor para organizar unha xornada de traballo na que o estudantado puidese coñecer de primeira man o traballo que se está a realizar no campus coa compostaxe dos restos de comida dos dous comedores universitarios, unha cuestión moi relacionada coa programación da materia.

Na xornada de hoxe o alumnado atendeu á explicación da situación actual da xestión dos residuos e da problemática ambiental, económica e social asociada. Tamén coñeceron o contexto legal, que establece que de cara a 2020 a Unión Europea esixe preparar para o reciclado ou a reutilización o 50 % da bolsa do lixo. Lobelle indicou que dado que en Galicia o
53 % dos residuos urbanos municipais son biorresiduos (orgánicos vexetais ou de restos de comidas) é imposible acadar os obxectivos europeos sen buscar alternativas á actual para tratalos. "Non é posible chegar a esas cifras de reciclaxe da UE só abordando o resto das fraccións (papel, vidro, envases), polo que hai que buscar tratamentos alternativos par aos biorresiduos", dixo, para engadir que caben opcións como a aposta da Deputación pola compostaxe, ou ben a dixestión anaerobia como a realizada na planta de Nostián.

En canto ao Plan Revitaliza, Lobelle explicou que a Deputación apostou pola compostaxe e o tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos pola grande descentralización da poboación e, por tanto, da producción de lixo municipal na provincia: "a día de hoxe practicamente é mais caro trasladar os residuos desde onde se xeran ata onde se tratan que o propio tratamento en si", indicou. O Plan Revitaliza, engadiu, abarata os custos de transporte e tamén de tratamento, ademais de supoñer unha mellora ambiental ao deixar de emitir o CO2 de queimar os residuos como o de transportalos.

Por outra parte, Lobelle indicou que na provincia de Pontevedra están instalados preto de 60 centros de compostaxe comunitaria (CCC) e que no Concello de Pontevedra hai 17 (12 na cidade e cinco que dan servizo a Príncipe Felipe e o Carlos Oroza). En concreto, explicou a xestión que se fai dos CCC que tratan os orgánicos dos comedores das Facultades de Ciencias Sociais e de Forestais, que tratan entre 30 e 40 toneladas de residuos ao ano –que se deixan de enviar a Sogama–.

Posteriormente á explicación teórica, os e as estudantes, da man das mestras composteiras coñeceron os CCC, o ‘traballo' que deben facer nas cociñas e comedores para separar o lixo orgánico e levalo ao composteiro, e a función que cumpre o persoal técnico do Plan Revitaliza de controlar todo o proceso de compostaxe de xeito continuado vixiando a aireación, a temperatura, o PH, os microorganismos, e todas as fases polas que pasa o material desde que sae da cociña ata que se convirte en compost.

Fotos