Noticias

Fornelos de Montes inaugura o sábado os obradoiros do programa "Depo en marcha 2017"

Arredor de 20 persoas beneficiaranse ata novembro dunha actividade sobre a conservación da memoria


02 agosto 2017
Depo en Marcha

O Concello de Fornelos de Montes inaugura este sábado 5 de agosto a temporada de obradoiros do programa "Depo en marcha 2017" da Deputación de Pontevedra, que impartirá ao longo deste exercicio un total de 161 cursos para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia de Pontevedra.

As persoas beneficiarias desta primeira actividade do curso serán as pertencentes á Sociedade Cultural Recreativa de Calvos, cun total de 19 participantes no obradoiro Conservando a Memoria. Con horario de 19:00 a 21:00 horas, a actividade estenderase ata o vindeiro 11 de novembro e servirá para coñecer o funcionamento da mente na memorización, adquirir técnicas básicas para adestrar o desenvolvemento da memoria e para reflexionar sobre a relación existente entre unha dieta equilibrada e unha boa memoria.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este programa de fomento do envellecemento activo a través de actividades encaixadas en diversas temáticas e que conta cun orzamento de 120.000 euros. Con "Depo en marcha 2017", a institución provincial busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e, tamén, intercambios de experiencias.

As oito alternativas dos obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán Traballando coas Mans: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles, tapicería e traballos manuais; Entre Fogóns: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería, repostería, tapiñas e petiscos; Aprendendo da Natureza: plantas medicinais; Móvete: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; Activando Corpo e Mente: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; Enredando: xogos tradicionais e teatro; Dálle Marcha: bailes de salón, pandeireta e canto popular; e, por último, En Rede: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As actividades terán lugar nun total de 45 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Novas relacionadas

Depo en Marcha

26 agosto 2017, cohesión social, depo en marcha, envellecemento activo, envejecimiento activo
Depo en Marcha

04 novembro 2017, obradoiros, caldas de reis, vigo, ponteareas, depo en marcha, deputación de pontevedra
Fornelos de Montes

03 outubro 2017, escola de cantería, fornelos de montes, fonte, emiliano lage