Noticias

Deputación e Concello de Bueu asinan o convenio para a nova piscina. Carmela Silva e Félix Juncal coinciden: "é un día histórico"

A Deputación aportará millón e medio de euros dun orzamento de 2.7 millóns e o Concello garante o restante 1.3. Presidenta e alcalde invitaron á Xunta a unirse: "sería inexplicable que cofinanciase todas as piscinas da comarca menos a de Bueu"


04 xaneiro 2018
Bueu

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, xunto ao concelleiro e deputado Xosé Leal e integrantes do Goberno municipal, asinaron esta mañá o convenio o abeiro do Plan de reequilibrio territorial da institución provincial para a construción da futura piscina municipal cuberta, unha demanda histórica da veciñanza e unha das prioridades que tiña o Concello desde hai máis dez anos.

Carmela Silva mostrou a súa satisfacción ante este proxecto e subliñou que "sen dúbida para todos os veciños e veciñas é un grande día, pero tamén o é para o Goberno provincial, pois chegamos para cambiar as cousas respectando a autonomía local e con este plan o demostramos". A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén apuntou que "nós queremos deixar unha pegada na provincia e isto pasa porque todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan, teñan garantidos os mesmos servizos e os mesmos dereitos, algo que non ocorría no pasado."

En canto á piscina municipal, Carmela Silva invitou á Xunta "a comprometerse con este proxecto para que o Goberno de Bueu poida dedicar recursos do Plan Concellos a outros proxectos e servizos que precisa a veciñanza". Ademais apuntou que "sería inexplicable que si a Xunta cofinancia os proxectos de todas as piscinas desta comarca non faga o mesmo coa de Bueu." A presidenta da Deputación de Pontevedra mostrouse segura de que "dentro de ano e medio, cando inauguremos a piscina, poderemos ver a felicidade dos veciños e veciñas por ter un equipamento que é o seu dereito."

Pola súa parte, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, resaltou que "grazas á Deputación de Pontevedra hoxe comeza a conta atrás para que Bueu poida contar cunha piscina municipal tan demandada por todos os veciños e veciñas e tamén por min mesmo desde fai tempo, xa que estamos a falar dunha infraestrutura que non só é deportivo, tamén é unha infraestrutura de benestar, de calidade de vida e de saúde". O proxecto da esperada piscina municipal cuberta ten un orzamento de 2.798.911,96 euros, dos cales a Deputación inviste 1.500.000 euros e o Concello garante o restante 1.298.911,96.

O Plan de reequilibrio territorial contempla 25 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que recibirán 15 millóns de euros en subvencións da institución provincial para desenvolver un proxecto singular en cada termo municipal que foi proposto por cada concello con criterios obxectivos, transparentes e claros que garanta unha lixeira compensación polo reparto de subvencións por anteriores corporacións provinciais.