Noticias

Carmela Silva: "a piscina de Bueu amosa que nunca se pode renunciar aos sonos"

A presidenta da Deputación acompañou ao alcalde de Bueu na estrea da vangardista instalación das Lagoas, que abriu hoxe as súas portas á veciñanza da localidade


29 marzo 2021
Piscina de Bueu

É unha das obras máis emblemáticas e vangardistas executadas na provincia pontevedresa nos últimos anos e, como dixo hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a proba de que "nunca se pode renunciar aos sonos, que teñen que formar parte dos proxectos políticos porque máis pronto que tarde chegan, aínda que polo camiño haxa que pelexar moito para que sexan realidade". Desde este luns da Semana Santa a veciñanza de Bueu xa pode gozar da piscina municipal das Lagoas, que nesta xornada recibiu ás súas primeiras persoas usuarias cun horario reducido e cun estrito protocolo para garantir a seguridade sanitaria contra a pandemia. Nesta estrea, tanto Carmela Silva, como o alcalde, Félix Juncal, volveron destacar a aposta pola innovación e a sustentabilidade que supón esta infraestrutura, na que se investiron 2,7 millóns de euros e que foi financiada pola institución provincial a través do Plan de Reequilibrio e achegas do Plan Concellos.

Deste xeito, a presidenta Carmela Silva lembrou que a piscina foi "unha reclamación histórica que este concello e o seu Goberno viñan reclamando a diferentes administracións e que se conseguiu pola convicción de que tiña que ser unha realidade e por unha Administración provincial que entende que os recursos teñen que chegar a todos os lugares, particularmente aos concellos con mais dificultades".

A presidenta provincial destacou que non só se trata dun equipamento importantísimo para o goce de xente de todas as idades, senón que constitúe "unha obra de arte desde o punto de vista arquitectónico". "É unha estrutura fermosa e moderna –agregou´–, e o máis relevante é que está pensada con cabezas do século XXI que creen profundamente que temos que facer aforros enerxéticos para que non consumamos tanto medio ambiente deste planeta. Ten os instrumentais máis modernos que permiten dicir que é seguramente desde o punto de vista medioambiental a piscina máis potente da provincia e tamén da maioría dos concellos de Galicia".

Pola súa banda, o alcalde, Félix Juncal, quixo agradecer en primeira persoa á presidenta "que fixera posible este sono colectivo que desde hai moitos anos un grupo de persoas nos comprometemos a procurar facer realidade" e amosouse convencido de que este proxecto "vai supoñer un antes e un despois na forma que temos en Bueu de expresarnos socialmente e relacionarnos; en definitiva de convivir e compartir, porque os sonos son para compartir e para imaxinarnos que os espazos poden ser mellores. E podemos transformar unha realidade nunha sociedade máis xusta e igualitaria".

Engadiu que tras a inauguración en outubro, os pasados meses se dedicaron á proba da maquinaria da instalación e ás conexións cos servizos exteriores y amosou a súa satisfacción pola resposta que a infraestrutura xa está a ter entre a veciñanza. "Este é un espazo para gozar, un espazo de saúde e para relacionarse –indicou– E tiñamos medos neste momento tan difícil, pero moitas ganas de empezar a normalizar, e poder relaxarnos, algo que significa tanto na vida das persoas". Ata finais de xuño, a cidadanía poderá gozar das instalacións de xeito gratuíto, xa que o custo do servizo o financiará o Concello: "Será nunhas condicións que non son as definitivas, cun horario reducido, en grupos e con todas as medidas de seguridade". E concluíu desexando que a veciñanza "sintan esta obra como algo propio, que o queiran como algo propio. Especialmente as e os máis pequeniños; que dentro de cincuenta anos ou cen poidan seguir vindo aquí a gozar destas instalacións" 

Máis de 10 millóns de investimento provincial

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo resaltar que a institución provincial "vai seguir apostando porque cheguen novos equipamentos e dotacións e se melloren os existentes" en Bueu, en colaboración co Concello. E, neste senso, lembrou que desde 2015 "tamén temos investido como nunca nas infraestruturas provinciais en Bueu". De feito, a Deputación leva máis de 10 millóns de euros en achegas ao municipio do Morrazo. "Cando chegamos nos atopamos con infraestruturas abandonadas –manifestou–, ás que o anterior Goberno non lle prestaba atención. E tivemos que aportar moitísimos recursos para facer fronte a aquel abandono histórico".

Félix Juncal referendou esta colaboración institucional e destacou que desde a investidura do Goberno provincial no 2015, "efectivamente hai unha nova Deputación ao servizo dos concellos, comprometida en traballar compartindo cos municipios os proxectos e en xestionalos conxuntamente . E houbo un cambio radical na forma de proceder". Deste xeito, apuntou que existe un traballo de planificación e organización "a partir sempre dun trato equitativo a todos os concellos, e atrás quedaron eses anos onde alcaldes e alcaldesas tiñamos que estar permanentemente chamando para que polo menos nos escoitasen. E había momentos nos que nin tan sequera chamabamos, porque ao outro lado da liña telefónica non atopabamos receptividade. Non só se notou moitísimo o traballo en infraestruturas, senón que se ven traballando en diversos proxectos que se irán dando a coñecer proximamente. Polo tanto, confianza plena, absoluta no traballo que ven desenvolvendo a Deputación". 

Por certo que a presidenta provincial ironizou sobre a reclamación do PP para a mellora da seguridade na EP-1301 en Beluso. Carmela Silva recordou que "o PP sabe perfectamente que ese proxecto está redactado e contratado e que as obras empezarán de volta da Semana Santa". "O persoal técnico da Deputación estivo na estreada o 1 de marzo e a partir de aí elaborouse o proxecto. É unha mágoa que o PP non se preocupase antes por reforzar esa estrutura que precisamente deixou en tan mala situación o seu Goberno. Faremos un muro de contención que debería estar feito fai moitísimo tempo", rematou.