Noticias

Deputación e Concello de Barro reparten os seus primeiros 700 quilos de compost do Plan Revitaliza entre a veciñanza e a Escola Infantil

A deputada Eva Vilaverde felicitou ao alcalde Abraldes por apostar pola compostaxe como sistema de tratamento do lixo


04 maio 2017
Barro_compost

O Concello de Barro foi hoxe o protagonista do Plan Revitaliza da Deputación: entregouse por primeira vez á veciñanza un lote de compost producido no centro de compostaxe comunitaria instalado nas inmediacións do Concello e tamén se levou unha partida á Escola Infantil para fertilizar un xardín. No acto estiveron a deputada de Areeiro, Eva Vilaverde; o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes e tamén o concelleiro Jose Sanmartín, quen salientaron a importante colaboración e concienciación veciñal á hora de separar os residuos orgánicos que despois se tratan no composteiro: "Todo está a funcionar perfectamente", salientaron.

A xornada comezou coa obtención duns 700 quilos de compost logo de que tres mestres composteiros da Deputación peneirasen o produto resultante de tratar unhas 3,6 toneladas de residuos orgánicos achegados entre setembro e novembro polas veciñas e veciños da contorna. Neses meses a materia orgánica que a cidadanía deixou no composteiro foi pasando o proceso para converterse en compost, pasando unha primeira fase de descomposición e logo de maduración ata chegar ao resultado final. A partir de agora, o composteiro irá producindo mensualmente unha partida.

Unha vez peneirado o compost e empaquetado en sacas e bolsas repartiuse entre as e os veciños que o solicitaron e boa parte del foi trasladado tamén ata a Escola Infantil de Barro, onde persoal operario municipal o espallou nunha parcela que se pretende converter en xardín e horta para as nenas e nenos do centro. Outra parte do compost será utilizado, segundo explicou Abraldes, nos xardíns municipais e, se a produción o permite e hai persoas compradoras interesadas, estudarase a posibilidade da súa venda.

O rexedor manifestou durante o reparto de compost a aposta do Concello de Barro pola compostaxe como sistema de tratamento do lixo. Subliñou que ten importantes vantaxes tanto desde o punto de vista económico como ambiental, porque cada residuo orgánico que se trata no composteiro son cartos que se aforran ao non levar o lixo a Sogama e porque o tratamento mediante a compostaxe non produce tanta contaminación ao eliminar a incineración e o transporte. "O importante é que a veciñanza, que está informada, entenda que é algo positivo e estea concienciada", asegurou.

Neste sentido, subliñou que o Concello de Barro, de cara ao futuro, pretende ampliar a compostaxe tanto con novos centros de compostaxe comunitaria –noutras localizacións en función do interese e da demanda–, e tamén con composteiros individuais para aquelas veciñas e veciños que teñan unha horta propia e que, por tanto, poidan facer compostaxe na súa propia casa.

A deputada de Areeiro Eva Vilaverde sinalou que por parte da Deputación o Plan Revitaliza e a compostaxe supoñen unha aposta estratéxica que marca o camiño do futuro en relación ao tratamento do lixo. Por este motivo, felicitou ao alcalde Abraldes por estar a traballar nesa dirección e tamén as demais rexedoras e rexedores da provincia "que entenderon que este sistema de tratamento do lixo é cara ao que hai que ir".