Noticias

Rapazas e rapaces do CEIP A Florida coñecen de primeira man como funciona o centro de compostaxe do Plan Revitaliza en Portonovo.

Alumnas e alumnos do centro xa puxeron a andar un composteiro no seu patio e realizaron diferentes obradoiros e actividades promovidas pola Deputación


04 maio 2017
CEIP A Florida

As rapazas e rapaces do colexio da Florida de Sanxenxo puxeron fin hoxe á súa formación sobre compostaxe dentro das actividades organizadas pola Deputación de Pontevedra ao amparo do Plan Revitaliza. Hoxe realizouse a visita ao centro de compostaxe comunitaria instalado en Portonovo, onde o mestre composteiro que se encarga de supervisar o seu funcionamento explicou como se produce o compost a partir dos restos de lixo orgánico que se xeran nas casas.

O alumnado do CEIP A Florida xa vén participando nas actividades do Plan Revitaliza desde hai semanas e xa puxeron a andar un composteiro no patio do seu propio centro escolar. A maiores, coñeceron cales son os bichos que participan no proceso de produción do fertilizante e grazas tamén ás e aos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), as alumnas e os alumnos máis maiores asistiron a unha charla titulada A voltas coa compostaxe, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. As máis pequenas e pequenos (1.º e 2.º) tamén participaron nos diferentes xogos, entre os que destacou o xogo da miñoca, unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolveron preguntas sobre como conseguir un bo compost.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, conseguir un cambio de actitude e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución do lixo co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.