Noticias

"DepoMar" arranca en Samil para difundir a importancia do traballo das mariscadoras de cara á protección dos espazos da rede natura

O proxecto da Deputación, que conta con financiamento europeo, pasou por Vigo e percorrerá ata fin de mes A Guarda, Cangas, Baiona, Redondela, Poio, Cambados e O Grove


16 agosto 2021
DepoMar arranca en Samil

O paseo da praia de Samil en Vigo foi este luns a primeira parada da campaña informativa do proxecto DepoMar, unha iniciativa que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha, con financiamento europeo, xunto coa "Fundación Biodiversidad". O obxectivo é fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.

O deputado Carlos López Font e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, participaron nesta primeira xornada da campaña, desenvolvida na carpa informativa instalada no paseo marítimo de Samil, e que nos vindeiros días percorrerá outros sete concellos do litoral da provincia. Amais, as actividades de sensibilización de DepoMar arrancaron coa difusión nas redes sociais da Deputación do audiovisual do proxecto, que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños.

Esta campaña informativa que ata finais de mes percorrerá distintos concellos da provincia pontevedresa é unha das  accións de sensibilización que contempla o proxecto e que inclúen un código de boas prácticas, a difusión do citado audiovisual e unha xornada técnica coa presenza de destacadas expertas que terá lugar en outubro, coas que se busca visibilizar e poñer en valor o traballo feminino no mar. Deste xeito, na carpa instalada hoxe en Samil repartiuse material divulgativo e dous códigos QR: un co vídeo e outro co código de boas prácticas. Despois desta xornada en Vigo, a campaña estará mañá, martes 17, na praza Avelino Vicente da Guarda, mentres que o mércores 18 instalarase na Praza de Fontes de Cangas. O percorrido continuará na Avenida Arquitecto Jesús Valverde de Baiona o día 19, na Rúa Alfonso XII de Redondela o día 20, en Combarro (Poio) o 24 de agosto, na Praza do Concello de Cambados o día 25 e finalizará o 27 de agosto na Praza do Corgo do Grove.

O audiovisual da campaña de DepoMar está protagonizado, tal e como remarcou a presidenta Carmela Silva, por "lideresas, mulleres empoderadas do mar, pioneiras en ocupar espazos de decisión na nosa provincia e cun firme compromiso para garantir a sustentabilidade do mar". O vídeo conta coa participación de Rita Míguez (presidenta de Anmupesca, Asociación Nacional de Mulleres da Pesca), María José Vales (patroa maior de A Pastoriza, Vilanova de Arousa), Esmeralda Otero (agrupación de Mariscadoras de Redondela), Marina Buceta (agrupación de mulleres mariscadoras Mar de Poio) e Nuria Novelle (da asociación Amarturmar) e nel as mariscadoras explican o  seu traballo, como o fan, os aparellos que empregan, e reivindican a importancia de ter voz e voto nas confrarías e de poñer en valor a súa profesión.   

Doutra banda, a xornada técnica do proxecto, baixo o título "A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000" terá lugar o 28 de outubro e afondará na relación entre mulleres, gobernanza e xestión de recursos e no papel das mulleres como forza que a Rede Natura precisa. Participará na apertura o coordinador da Área de Pesca e Acuicultura Sostible da "Fundación Biodiversidad" Javier Remiro, á que seguirá o primeiro bloque temático, titulado "Mulleres, gobernanza e xestión dos recursos", no que intervirán a xefa de Medio Ambiente da Deputación, Concepción López, a presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca, Rita Míguez, a doutora en Socioloxía, Beatriz Marugán, e a doutora en Ciencia Política, Patricia Martínez. O segundo bloque, "Mulleres, a forza que a Rede Natura precisa", contará coa participación da investigadora do CSIC Montserrat Pérez, a profesora da Universidade de Vigo Mari Lires, a presidenta de Amarturmar Nuria Novelle e a xerente de Fundamar, María Caldeiro.

Vídeos