Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba o expediente de contratación para a adxudicación do programa "Depo en marcha" 2020

O gasto para esta iniciativa ascenderá en 2020 a máis de 189.000 euros, o que supón un aumento de 33.000 euros con respecto ao presente exercicio


29 decembro 2019
Depo en marcha

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno o expediente de contratación para a adxudicación do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa "Depo en marcha" 2020 mediante tramitación anticipada do procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada (SARA). Deste xeito, o importe total da iniciativa ascenderá a 189.067,04 euros, 33.000 euros máis que no presente exercicio.

"Depo en marcha" trátase dun programa que ten como obxectivo favorecer o avellentamento activo a través de obradoiros de actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias, evitando así o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores. O programa ofrece un total de 130 obradoiros que terán unha duración de 30 horas e que se impartirán en xornadas de entre unha e tres horas á semana. Na edición de 2020 haberá oito temáticas a tratar: Traballando coas Mans, Entre Fogóns, Aprendendo da Natureza, Móvete, Activando Corpo e Mente, Enredando, Dálle Marcha e En Rede.

Os beneficiarios do programa serán as entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. Como o programa se dirixe principalmente á terceira idade, para a súa realización, a entidade solicitante deberá acreditar antes do inicio de cada obradoiro que o 70 % do alumnado ten 50 ou máis anos no momento da inscrición. O número máximo de prazas de cada obradoiro virá determinado pola súa especialidade e poderá variar entre 20 e 25.