Noticias

Con todas as prazas esgotadas a Ruta das Maceiras chega este sábado á estrada en plena explosión floral

Carmela Silva asistirá á primeira das tres rutas que organiza a Deputación, na que as persoas participantes visitarán as sidrarías Ribela e Torres de Moreda e a plantación de Callobre


26 abril 2019
Rutas das Maceiras en Flor

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistirá este sábado 27 de abril á primeira actividade da segunda edición das Rutas das Maceiras en Flor que comezará ás 10.30 horas na Sidraría Ribela no concello da Estrada. O obxectivo deste programa da institución provincial é potenciar o turismo no interior da provincia a través de rutas gratuítas que permiten contemplar o espectáculo das maceiras en plena floración e dar a coñecer o traballo de produción das sidras e doutros produtos que proveñen da mazá.

En concreto, Carmela Silva acompañará ás 25 persoas participantes que na ruta matinal deste sábado visitarán as sidrarías Ribela e Torres de Moreda e a plantación de Callobre. Xa pola tarde terá lugar a segunda actividade na que outras 25 persoas coñecerán a plantación e farán unha visita ás sidrarías de Torres de Moreda e A Peroja. Tanto nas dúas rutas deste sábado, como para a do 4 de maio, se visitará tamén a sobreira máis antiga de Galicia do pazo das Valiñas. As prazas para as tres rutas, esgotadas en horas e ofertadas este ano pola Deputación, son completamente gratuítas e cun servizo de autobuses que saen de Pontevedra e Vigo.

É o segundo ano consecutivo que deade a Deputación de Pontevedra se poñen en marcha as Rutas das Maceiras en Flor, enmarcadas no Plan estratéxico de turismo. O obxectivo é desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra, dándolle ás persoas participantes a oportunidade de gozar dun espectáculo floral único coas maceiras en flor e de coñecer polo miúdo o traballo de sidrarías e produtores e produtoras da zona.

Fotos