Noticias

As Rutas das Maceiras en Flor 2019 da Deputación esgotan as súas prazas en doce horas

Os tres itinerarios desenvolveranse na Estrada o 27 de abril e o 4 de maio para contemplar o espectáculo das maceiras en flor e achegarase aos traballos das sidrarías da zona


16 abril 2019
Ruta das maceiras

A Deputación de Pontevedra esgotou en apenas 12 horas a totalidade das 75 prazas dispoñibles para as Rutas das Maceiras en Flor 2019, iniciativa que se levará a cabo no municipio da Estrada na última fin de semana de abril e na primeira de maio. O obxectivo é potenciar o turismo no interior da provincia a través de rutas que permiten contemplar o espectáculo das maceiras en plena floración e dar a coñecer o traballo de produción das sidras e doutros produtos que proveñen da mazá.

Haberá tres itinerarios distintos, con 25 prazas dispoñibles para cada un. O primeiro será o sábado 27 de maio pola mañá, visitando a plantación de Callobre e as sidrarías Ribela e Torres de Moreda. A segunda ruta desenvolverase ese mesmo día pola tarde, na que tamén haberá unha visita á plantación de Callobre e ás sidrarías de Torres de Moreda e A Peroja. O terceiro itinerario levarase a cabo o sábado 4 de maio pola mañá e nel coñecerán a plantación de Callobre e as sidrarías Torres de Moreda e Camino. Previamente ás rutas, e co obxecto de promover a calidade turística deste destino da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, tamén se organizou un blogtrip con 10 bloggers de referencia para dar a coñecer os recursos turísticos da zona.

É o segundo ano consecutivo que desde a Deputación de Pontevedra se poñen en marcha as Rutas das Maceiras en Flor, enmarcadas no Plan estratéxico de turismo. O obxectivo é desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra, dándolle ás persoas participantes a oportunidade de gozar dun espectáculo floral único coas maceiras en flor e de coñecer polo miúdo o traballo de sidrarías e produtores e produtoras da zona.