Noticias

O Goberno de Carmela Silva promove a Ruta das Maceiras en Flor para desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia

A ruta, con dous itinerarios pola Estrada, terá lugar o 12 de maio e desde hoxe é posible solicitar praza a través de visitasguiadas@depo.es


04 maio 2018
Ruta das Maceiras en Flor promovida pola Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá a novidosa Ruta das Maceiras en Flor que terá lugar o vindeiro 12 de maio no concello da Estrada. Segundo destacou Silva, a ruta "enmárcase no noso Plan estratéxico de turismo co obxectivo de desestacionalizar a demanda e dinamizar o interior da provincia de Pontevedra, ao igual que tamén fixemos coa Ruta dos Xardíns da Camelia ou a Ruta de Marisqueo nas Rías Baixas".

"Se no Jerte, Extremadura, puxo en marcha con moito éxito a Ruta das Cerdeiras en Flor, en Pontevedra imos apostar pola Ruta das Maceiras en Flor que, nestas datas, están fermosísimas", asegurou a presidenta provincial. Neste caso concreto, para a ruta seleccionouse o concello da Estrada "porque a produción de sidra tradicional na vila remóntase á Idade de Ferro, ademais de contar con grandes plantacións de maceiras, de ata máis de cen hectáreas, e con máis de cincuenta exemplares diferentes destas árbores con nomes tan nosos e fermosos como ollomouro, rabiosa, raída, marafouza ou freixerana". Carmela Silva tamén explicou que as plantacións da Estrada recollen máis de mil toneladas de mazás ao ano e, aínda que a maior parte véndese a sidrarías foráneas, unha parte destínase á elaboración de sidra na vila.

A Ruta das Maceiras en Flor terá lugar o vindeiro día 12 de maio a través de dous itinerarios gratuítos con saídas desde Vigo (Centro Comercial A Laxe), ás 9.00 horas, e Pontevedra (Capela de San Roque), ás 9.30 horas cara o concello da Estrada, onde se poderán ver as maceiras en flor a través de dous itinerarios. Para ambas saídas é preciso presentarse 15 minutos antes.

O primeiro itinerario, tal e como informou a presidenta provincial, percorrerá as parroquias estradenses de Callobre e Agar. Deste xeito, en Callobre realizarase un percorrido guiado pola plantación de maceiras, explicando a variedade de especies que hai e entre as que destacan a ‘rabiosa de Callobre' ou ‘ollomouro'. Unha hora despois, o grupo trasladarase cara un lagar antigo na parroquia de Agar, onde se poderá ver unha sidraría antiga rehabilitada e xa ás 13.00 horas terá lugar o regreso ás localidades de orixe.

O segundo itinerario da Ruta das Maceiras en Flor percorrerá o lagar de Ribela, tamén na Estrada, onde haberá unha visita guiada para gozar dos diferentes exemplares de maceiras en flor. O regreso está previsto para 19.30 horas.

As persoas interesadas en participar nesta novidosa ruta da Deputación de Pontevedra poderán facelo desde hoxe mesmo a través do correo electrónico visitasguiadas@depo.es, no que terán que indicar o itinerario escollido, o nome das persoas que asisten (4 como máximo por inscrición), o teléfono de contacto e o lugar de saída. As prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada e confirmaranse por correo electrónico entre os días 9 e 10 de maio.