Noticias

Comezan as obras da Rolda Leste en Pontevedra

A empresa Coviastec SL iniciou hoxe os movementos de terras con maquinaria pesada logo de marcar e rozar a traza da nova estrada


10 agosto 2018
Obras da Rolda Leste de Pontevedra

É xa unha realidade, as obras da Rolda Leste de Pontevedra están en marcha. Segundo confirmou o vicepresidente César Mosquera, a empresa Coviastec SL comezou na mañá de hoxe os movementos de terras con maquinaria pesada logo de marcar e rozar os terreos na traza da nova estrada durante os últimos días. Os traballos comezaron nas inmediacións da glorieta existente na PO-542, onde é necesario realizar aportes de pedra para consolidar o terreo, e seguirán nos vindeiros nove meses de xeito lineal ata o entronque coa avenida Montecelo e a PO-532.

A nova vía, unha vez construída, será funcional para a parte leste da cidade e o acceso ao hospital Montecelo, xa que evitará que os vehículos acurten traxecto por pistas e camiños que non teñen capacidade suficiente. De feito, soportará unha media de 5.000 vehículos diarios, recollendo practicamente o 90% do tráfico actual que pasa pola rúa das Pereiras e a rúa das Olivas.

O vicepresidente Mosquera, un dos impulsores da iniciativa, tanto dende o Concello como dende a oposición e agora no Goberno da Deputación, manifestou a súa satisfacción por ver que esta "actuación estratéxica para a cidade dá pasos reais adiante" logo de moitos atrancos na súa tramitación.

A Rolda Leste tivo que sortear moitos imprevistos dende a súa concepción ata o día de hoxe: en 2013 a Deputación e o Concello de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración para a súa execución, no 2014 realizouse a redacción do proxecto e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación, sen embargo, tivo que ser rescindida polo novo Goberno provincial por defectos da tramitación e pola necesidade de modificar o proxecto, que non incluía obras de traslado de torres de alta e media tensión, tampouco as correccións apuntadas pola Xunta de Galicia, nin os novos custes de expropiacións. Finalmente, en decembro de 2017 iniciouse de novo a licitación dos traballos, que foron adxudicados a finais de xuño deste ano.

A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha berma de 0,75 metros. Tamén contará cunha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo.

A traza iníciase na glorieta existente na PO-542 (Pino-Bora) á altura de ‘Muebles Tuco', toma dirección norleste ata alcanzar a estrada provincial EP-0003 -na que se construirá unha nova rotonda- e finaliza nunha terceira glorieta sobre a estrada PO-532, nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo, obrigando a modificar o actual cruce.

As dúas novas glorietas terán unha calzada con dous carrís de 4,5 metros cada un e beiravías dun metro. A primeira terá un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda, que consta de catro accesos e deixa previsto un quinto para a prolongación da Rolda Leste terá un diámetro exterior de 50 metros.