Noticias

Comeza a canalización de tubaxes de servizos nas obras da nova rolda leste de Pontevedra

Será preciso cortar o tráfico na rúa Pedra do Lagarto dende o vindeiro luns ata mediados de febreiro


25 xaneiro 2019
Rolda leste Pontevedra

As obras da Rolda Leste de Pontevedra impulsadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra están xa na súa segunda fase: a canalización de tubaxes para os servizos de electricidade, telecomunicacións, gas, subministro de auga, saneamento e pluviais. Estes traballos obrigarán a cortar dende o vindeiro luns a rúa Pedra do Lagarto ao tráfico ata, como mínimo, a segunda semana de febreiro.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, nos vindeiros días realizaranse as gabias para instalar os colectores de augas pluviais na contorna da que será a glorieta intermedia da rolda leste, na intersección da nova estrada e Pedra do Lagarto (EP-0003, actualmente de transferida ao Concello). A maquinaria de grandes dimensións necesaria para a actuación non permite limitar o tránsito de vehículos a un só carril, cun corte parcial, polo que a dirección de obra solicitou o corte total da estrada nun treito de 450 metros entre a rúa das Pereiras e a rúa das Olivas.

O operativo de tráfico deseñado pola Policía Local incluirá a sinalización necesaria para advertir aos condutores, que deberán desviarse dende Pedra do Lagarto á PO-542 (O Pino-Bora) pola rúa das Pereiras e a rúa das Olivas. O corte comezará ás 9.30 horas do luns e finalizará previsiblemente o día 8 de febreiro, aínda que se a climatoloxía é adversa para realizar as obras adiarase a data de apertura.

Ata o de agora os traballos da rolda leste van segundo a cronoloxía prevista: está marcada a traza, feitos os recheos e movementos de terras, aberta a canteira para instalar a nova glorieta de acceso, e realizados os traballos de traslado das torres de tensión de Fenosa. A segunda fase da obra continuará nos vindeiros meses coa canalizacións de servizos, para despois botar as capas da base do firme e o aglomerado. A terceira e última fase incluirá a instalación da nova iluminación, a sinalización vertical e o pintado da horizontal, así como a execución da senda peonil e ciclista. As obras foron adxudicadas á empresa Coviastec SL por 1.557.155 euros, cifra á que hai que engadir 1,4 millóns de euros das expropiacións de terreos.


Novas relacionadas

Obras da Rolda Leste de Pontevedra

10 agosto 2018, mobilidade, rolda leste