Noticias

As obras da Rolda Leste entran na súa segunda fase coa vista posta en abrir a estrada na primavera

O vicepresidente Mosquera destaca que a estrada terá continuidade pola nova vía traseira a Montecelo e finalizará na circunvalación da cidade


12 decembro 2018
Obras Rolda Leste

As obras da Rolda Leste de Pontevedra impulsadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra están xa no final da súa primeira fase e prevese que finalicen dentro do prazo oficial de execución, o que permitirá abrir a nova estrada de acceso a Montecelo e poñela en servizo en maio de 2019. Así o explicou hoxe o persoal técnico na visita do vicepresidente provincial César Mosquera e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á traza da nova vía.

Segundo dixo o xefe de obra, o enxeñeiro provincial José Domínguez, na primeira fase dos traballos -que está a piques de rematar- marcouse a traza da nova estrada, fixéronse os recheos e movementos de terras, abriuse a canteira do acceso a Montecelo para instalar a nova glorieta, e tamén se están a realizar os traballos de traslado das torres de tensión de Fenosa. A segunda fase da obra iniciarase en xaneiro, cando se prevén meter soterradas as tubaxes e canalizacións de servizos (electricidade, telecomunicacións, gas, subministro de auga, saneamento e pluviais), para despois botar as capas da base do firme e o aglomerado.

A terceira e última fase, xa na primavera, será a máis estética e servirá para instalar a nova iluminación, a sinalización vertical e o pintado da horizontal, así como a execución da senda peonil e ciclista. "Precisamos un par de semanas de bo tempo para dar un pulo grande, pero a obra está avanzada e só queda encher con material o inicio da estrada –na glorieta do Marco-, para o que se vai aproveitar a pedra que se está a retirar do cruce de acceso a Montecelo. Logo xa irán rápido o resto dos traballos", apuntou o xefe de obra.

Ante o bo avance da nova estrada o vicepresidente Mosquera manifestou a súa satisfacción por non ter sufrido atrancos na execución. O nacionalista lembrou que a Rolda Leste é "unha obra moi demandada e moi demorada", xa que pasou por moitas voltas para, finalmente, ser concibida como unha estrada urbana adaptada ao territorio que servirá de alternativa aos tránsitos que hoxe pasan pola rúa das Pereiras e a rúa das Olivas.

Esas vías, dixo o vicepresidente, non teñen a capacidade de absorber o tráfico que vai cara a Montecelo pola súa escasa sección, o que fai que a circulación estea molestando moitísimo á veciñanza. "Foron bastantes anos agardando que se puidera abrir isto. Esta vía é un exemplo do que deben facer as administracións locais, xa que ás veces fan falta infraestruturas modestas, pero non por iso menos importantes, porque son as que vertebran o territorio e permiten a mobilidade", salientou.

O vicepresidente explicou que de cara ao futuro a nova estrada terá conexión coa vía que pasará por detrás de Montecelo e saída cara á circunvalación. Sinalou que facer unha conexión distinta –por exemplo coa variante de Alba- suporía construír unha nova ponte sobre o río que tería unha afectación e un custo que dificilmente se poderían xustificar.

Pola súa parte, o alcalde Fernández Lores subscribiu as palabras do vicepresidente, destacando que a rolda vai resolver moitos problemas de mobilidade. Resaltou que a obra parte dunha reunión de iniciativa do Concello no ano 2004 (a coñecida como M-4) na que se deixou definida a rede viaria de todas as administracións que son necesarias para Pontevedra e a comarca. "Esta obra vai moi lenta, pero é a máis rápida de cantas se formularon. É a primeira da M-4 que se vai executar", subliñou.

Características

A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha berma de 0,75 metros, cunetas de dous metros e, no lateral dereito, unha senda peonil para persoas ciclistas e as e os peóns de catro metros de largo para os tránsitos peonís e ciclistas.

A traza iníciase na PO-542 (Pino-Bora) á altura do Marco, toma dirección norleste ata alcanzar a estrada provincial EP-0003 -na que se construirá unha glorieta de 42 metros de diámetro- e finaliza nunha terceira rotonda sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo, obrigando a modificar o actual cruce . 

A obra tiña un orzamento de licitación de pouco máis de dous millóns de euros e finalmente foi adxudicada á empresa Coviastec SL por 1.557.155 euros. A esta cifra hai que engadir 1,4 millóns de euros das expropiacións de terreos necesarios para facer a traza.

O proxecto tivo que sortear moitos imprevistos desde a súa concepción ata o día de hoxe: en 2013 Deputación e Concello asinaron un convenio de colaboración, no 2014 realizouse a redacción do proxecto, e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación, non obstante, tivo que ser rescindida por defectos da tramitación e pola necesidade de modificar o proxecto, que non incluía o traslado de torres de alta e media tensión nin as correccións apuntadas pola Xunta de Galicia. Finalmente, en decembro de 2017 iniciouse de novo a licitación dos traballos, que foron adxudicados a finais de xuño deste ano e iniciados no mes de agosto.

Fotos