Noticias

Chega a II Edición do Ciclo Aida Fernández Ríos da man da Deputación e da Real Academia Galega de Ciencias

Serán dez relatorios en formato webinario ou semipresencial e 5 charlas en centros educativos que se desenvolverán entre abril e decembro


20 abril 2021
II edición Do Ciclo Aida Fernández Ríos

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias presentaron hoxe o convenio da II Edición do Ciclo Aida Fernández Ríos, que terá lugar entre abril e decembro, destinado a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o labor científico en Galicia. A presidenta, Carmela Silva, xunto ao presidente da RAGC, Juan Lema, e a vicepresidenta Alicia Estévez, detallaron a programación que ten por obxecto difundir a ciencia e a tecnoloxía, e que este ano versará sobre contaminación por microplásticos, as pandemias silenciosas, o impacto do cambio climático e da saúde na economía, as mulleres e a ciencia, os exoplanetas e as adegas circulares.

Ademais de poñer en valor a Aida Fernández Ríos, a investigadora que da nome ao ciclo, a figura de Jimena Fernández de la Vega a quen este ano dedícase o Día da Ciencia en Galicia, terá un papel protagonista nas xornadas. O Pazo provincial da Deputación acollerá o 3 de xuño a conferencia central que versará sobre a traxectoria desta muller, pioneira da xenética médica en España e que, xunto a súa irmá xemelga Elisa, foi a primeira licenciada en Medicina pola USC. Nese sentido, a presidenta provincial, Carmela Silva, desvelou que neses días se presentará unha nova camelia no Xardín "Con nome de muller" do castelo de Soutomaior, "un lugar ligado tamén á ciencia", que levará o nome de Jimena Fernández de la Vega, "facendo así que a ciencia teña un espazo moi especial". Carmela Silva felicitou á RAGC por dedicar este 2021 a enxalzar a figura desta científica xa que "se a ciencia moitas veces é invisible para o conxunto da cidadanía, se ten nome de muller esa invisibilidade é moito maior".

A figura de Jimena Fernández de la Vega, a quen este ano dedícaselle o Día da Ciencia, terá un papel protagonista coa conferencia central e a presentación dunha camelia co seu nome

A presidenta provincial aplaudiu a programación "con temas potentes que inflúen directamente no día a día da humanidade", e tamén agradeceu ás persoas que intervirán por "comprometerse a achegar a ciencia á cidadanía e de forma moi particular á mocidade". Neste senso destacou que "é fundamental espertar o interese pola ciencia" xa que "non é soamente de quen se dedica a ela, senón que forma parte da nosa vida". Por este motivo, Carmela Silva recoñeceu a importancia de que as administracións públicas se comprometan coa ciencia.

Pola súa banda, o presidente da RAGC, Juan Lema, salientou a "moi boa sintonía" existente entre a Deputación e a Academia que preside, xa que "estamos a traballar cóbado con cóbado e a realizar un labor conxunto moi satisfactorio para ambas partes". Para Lema "non é habitual o interese tan grande dunha entidade como a Deputación de Pontevedra no ámbito de promoción da ciencia, vai moito máis aló do financiamento e é un exemplo para outras administracións". Lema insistiu que o obxectivo común da RAGC e a Deputación con este ciclo "é poñer a ciencia na cidadanía, na rúa, para que entendamos entre todos e todas que na ciencia temos que depositar as nosas esperanzas". Ao finalizar a súa intervención, Lema verteu as súas palabras no libro de honra da Deputación, onde deixou constancia do apio do ente provincial á ciencia.

Enfoque multitemático de divulgación científica

O programa presentado por Alicia Estévez, como coordinadora deste ciclo, constará dun primeiro bloque de dez relatorios impartidos por once persoas expertas das tres universidades galegas, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) dependente do CSIC, do Centro Oceanográfico de Vigo, da Universidad Complutense de Madrid e da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. As conferencias, dirixidas ao público en xeral, terán lugar do 29 de abril ao 1 de xullo, en formato webinario e semipresencial con streaming.

O segundo bloque de actividades contará con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato entre os meses de setembro e decembro deste ano. Estas charlas, que serán impartidas todas por mulleres, teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenas e nenos teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan.

O ciclo estrearase o xoves 29 de abril coa catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, Carmen Pérez, e o investigador do Instituto Español de Oceanografía no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago, que falarán sobre contaminación por microplásticos, a súa incidencia na sociedade actual e o seu impacto no medio mariño.

O xoves 6 de maio intervirán o catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense, Bruno González Zorn, e o catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, Carlos Diéguez. Analizarán as pandemias silenciosas, en concreto a resistencia aos antibióticos e a obesidade.

Tamén a catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas e académica da RAGC, Beatriz González López-Valcárcel, e o catedrático de Economía da UVigo, Xavier Labandeira, terán relatorio o xoves 27 de maio sobre os impactos económicos do cambio climático e da saúde, centrando o tema na COVID-19 e nos aspectos económicos dun dos principais desafíos presentes e futuros da humanidade, o cambio climático.

A conferencia central sobre as mulleres e a ciencia e será o xoves 3 de xuño. Xoana Pintos, doutora en Bioloxía pola USC e especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico, destacará a figura da médica e xenetista Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC. Tamén intervirán Carmen González, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo, e o catedrático da área de Física da Terra da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, Gabriel Rosón, que farán unha descrición de Aida Fernández Ríos, tanto desde o punto de vista persoal como científico.

O xoves 17 de xuño, a catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña, vicepresidenta da Sociedad Española de Astronomía e académica da RAGC, Minia Manteiga, centrará o seu relatorio nos exoplanetas e os métodos que usan as e os astrónomos para a detección de planetas. O ciclo pecharase o xoves 1 de xullo cunha conferencia a cargo da catedrática de Química Analítica da USC, Marta Lores, que falará sobre a función dos polifenois na industria vitivinícola e a vinificación sostible.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal), e todas as persoas participantes recibirán posteriormente un certificado de asistencia.

Fotos