Noticias

A Deputación inicia no IES da Illa de Arousa as charlas para escolares do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos

A catedrática Alicia Estévez Toranzo impartirá este venres no centro a primeira das cinco charlas previstas, que leva por título "Os peixes tamén van ao médico"


12 novembro 2020
I Ciclo de conferencias Aida Fernandez Rios

O I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos que organiza a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, inicia este venres 13 de novembro a súa andadura polos centros escolares da provincia, no marco do seu obxectivo de estimular futuras vocacións científicas entre o alumnado. Deste xeito, o IES da Illa de Arousa acollerá a primeira das cinco charlas previstas ata decembro, que impartirá a catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Alicia Estévez Toranzo, e que leva por título "Os peixes tamén van ao médico".

Alicia Estévez, vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias e directora do grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago, impartirá a súa charla a un grupo de alumnas e alumnos de cuarto curso da ESO. Nela incidirá na acuicultura como unha actividade fundamental para facer fronte de xeito sustentable á crecente demanda de produtos acuáticos sans e nutritivos por parte da poboación mundial e amosaralle á mocidade as enfermidades que poden limitar a produción. A catedrática conta no seu currículo co premio nacional de Investigación Jaime Ferrán, concedido pola Sociedade Española de Microbioloxía e publicou máis de 200 artigos en revistas científicas e tamén colaborou en libros. Amais, ten desenvolvido unha decena de patentes de vacinas que preveñen enfermidades típicas de peixes de consumo habitual e que se producen nas piscifactorías, como son a troita ou o rodaballo.

A rapazada coñecerá como a interacción entre os patóxenos, o peixe e o medio son os factores que determinan a aparición das enfermidades nos animais e a súa gravidade. A experta explicará tamén que na acuicultura, ao igual que ocorre coas persoas e con outras especies, o máis importante é a prevención de patoloxías, xa que, ademais de contribuír ao benestar animal, evita o uso de antibióticos, que se poden acumular na carne dos peixes co risco de xerar resistencias ao comer animais tratados. A relatora explicará dunha forma sinxela os pasos que hai que seguir nun laboratorio de microbioloxía desde o illamento dun patóxeno ata que se obtén unha vacina, así como os estudos que se levan a cabo no grupo investigador para que un programa de vacinación sexa eficaz en acuicultura.

A de Alicia Estévez é a primeira das cinco charlas previstas en centros da provincia, que continuarán proximamente coa conferencia da catedrática de Astronomía, Minia Manteiga Otero, sobre "Exoplanetas, o reto da procura da vida máis aló do sistema solar" no IES As Barxas de Moaña. Ademais, o físico Jorge Mira falará sobre "A que altura está o ceo?" no IES Chano Piñeiro de Focarei, mentres que o catedrático de Teoría do Sinal das Comunicacións, Fernando Pérez, ofrecerá a charla "Detectives de imaxes" no IES Audiovisual de Vigo e o catedrático de Medicina Legal, Ángel Carracedo, estará no IES Pedro Floriani de Redondela, onde impartirá a charla "CSI made in Galicia".

Estas actividades nos centros educativos constitúen a segunda parte do I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que están a desenvolver a Deputación e a Real Academia de Ciencias para achegar á ciencia a sociedade. Deste xeito, xa se realizaron seis das charlas de destacadas expertas e expertos dirixidas ao público en xeral, realizadas en formato webinario pola pandemia da COVID-19, e que abordaron temas como a intelixencia artificial, o cambio de hora ou os avances na sanidade. E aínda restan por desenvolver outras tres sesións, que se centrarán en temas como as cadeas de bloques, a incerteza do ciclo económico e a pesca, acuicultura e biotecnoloxía.