Noticias

O físico Jorge Mira abordará este xoves a controversia sobre o cambio de hora na nova conferencia do ciclo Aida Fernández Ríos

O catedrático de Electromagnetismo e recoñecido divulgador científico impartirá este webinario, ás 19 horas, e as inscricións poden realizarse a través da web da Deputación


20 outubro 2020

A controversia sobre o cambio de hora centra a nova charla do I Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que se desenvolverá este xoves 22 de outubro, ás 19 horas, e estará impartida polo catedrático de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira Pérez. Ao igual que as anteriores conferencias deste ciclo, que a Deputación de Pontevedra organiza en colaboración coa Real Academia de Ciencias, a charla, que leva por título "Cambio estacional de hora e fuso horario en España", desenvolverase en formato webinario e abrirase un coloquio para que as persoas asistentes poidan formular as súas preguntas. As inscricións poden realizarse a través do formulario habilitado na web da Deputación (www.depo.gal).

Jorge Mira Pérez é licenciado en Física pola Universidade de Santiago (1991) e doutorouse nesta especialidade en 1995. A súa actividade investigadora está centrada no estudo do comportamento magnético e eléctrico de materiais e a nanotecnoloxía e ten publicado máis dun cento de artigos de investigación en revistas internacionais. Outro dos seus campos de actividade son a mellora de sistemas de imaxe médica para enfermidades reumáticas e o estudo de sistemas sociais (dinámicas lingüísticas producidas en áreas con presencia de dous idiomas ou modelado en epidemioloxía). É membro da Real Academia Galega desde 2016 e no ano 2018 foi nomeado membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. Ademais da súa labor científica e académica, desde finais dos anos 90 é un activo divulgador científico, colaborador en diversos medios de comunicación e autor de dous libros: La ciencia en el punto de mira (2010) e ¿A qué altura está el cielo? (2016).

Na súa extensa traxectoria profesional tamén acumula numerosos galardóns, entre eles o Premio do Colexio de Físicos de España (2010) ou o Premio da Real Academia Galega de Ciencias ao proxecto "Predico" impulsado este ano polo Instituto de Saúde Carlos III e que Mira liderou, sobre a predición de expansión do coronavirus. Tamén neste 2020 foi galardoado co Premio de Divulgación Científica da Real Academia de Ciencias e da Xunta de Galicia, en recoñecemento o seu labor durante máis de vinte anos en todos os campos do coñecemento e o seu esforzo continuado por acercarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canais. Entre os premios que atesora figura tamén o Premio de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía da Deputación de Pontevedra (2001).

O I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos ten por obxectivo achegar a ciencia á sociedade, así como estimular futuras  vocacións científicas. Ademais, con este ciclo, que leva nome de muller, tamén se está a visibilizar ás mulleres científicas, que imparten varias das charlas programadas. A intelixencia artificial, a tecnoloxía das cadeas de bloques, a incerteza do ciclo económico, as microalgas e os beneficios do consumo dos produtos da pesca e acuicultura son os temas sobre os que versarán as seguintes conferencias deste ciclo.