Noticias

Carmela Silva reclama rapidez e compromiso á Xunta e o Estado para unha nova Lei de termalismo que recolla as necesidades dos concellos

A provincia de Pontevedra gana peso na agrupación de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias coa entrada do Grove e Catoira


08 abril 2017
Termalismo en Caldas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva reclamou hoxe rapidez e compromisos claros tanto a Xunta como o Goberno de Mariano Rajoy para actualizar a Lei de termalismo recollendo tamén as necesidades dos concellos que contan con recursos hidrotermais nas súas localidades.

Así se pronunciou hoxe Carmela Silva tras a clausura do encontro da agrupación de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se celebrou desde o pasado venres entre as vilas de Caldas de Reis e Cuntis. Silva subliñou que nada sirve que Galicia impulse unha nova lexislación se a nacional é do século pasado e si ademais non se recollen as necesidades dos concellos que contan con recursos hidrotermais para a súa explotación.

"Temos moitos concellos na provincia que contan con recursos termais que poderían ser unha fonte de riqueza e de atracción turística pero necesitamos unha lexislación acorde cos novos tempos e non só coa explotación por parte de balnearios e establecementos privados", demandou a presidenta da Deputación.

Por elo reclamou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que se poña a traballar por unha lei de novos tempos e que esixa que en Madrid se faga o mesmo.

Por outro lado, a provincia de Pontevedra ganou peso dentro da agrupación de Vilas Termais da FEMP coa incorporación das localidades do Grove e Catoira, tras a celebración do encontro desta fin de semana en Caldas de Reis.

Precisamente, un dos acordos máis importantes acadados tras esta xuntanza foi que a propia FEMP vai a adicar recursos para o asesoramento e o deseño de ferramentas de xestión local para aqueles concellos que conten con recursos hidrotermais e queiran coñecer as súas posibilidades de explotación  futuras.

Este encontro do grupo de Vilas Termais da FEMP desenvolveuse entre as localidades de Caldas de Reis e Cuntis, con diversas mesas redondas e ponencias, e contou coa participación de máis de medio cento de alcaldesas e alcaldes e concelleiras e concelleiros de varias localidades que contan con recursos termais e son membros da Federación Española de Municipios e Provincias.