Noticias

A Deputación de Pontevedra promove o proxecto "Hydrothermas, vilas termais de Pontevedra"

Ademais da Deputación de Pontevedra participan no proxecto representantes dos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, O Grove, Mondariz–Balneario, Tui e Vila de Cruces, as cámaras municipais de Vileda, Penafiel e Guimarães, así como a Universidade de Vigo e a de Minho, socios do proxecto


02 dec 2015
Proxecto Hydrothermas, vilas termais de Pontevedra

O Pazo provincial acolleu, esta mañá, o primeiro encontro para a posta en marcha do proxecto europeo "Hydrothermas, vilas termais de Pontevedra", enmarcado na primeira convocatoria de INTERREG V-POCTEP (Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal).

Nesta primeira xuntanza participaron a Deputación de Pontevedra (como socio líder) e representantes dos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, O Grove, Mondariz-Balneario, Tui e Vila de Cruces e das cámaras municipais de Vileda, Penafiel e Guimarães, así como da Universidade de Vigo e a de Minho, socios do proxecto. Este encontro servirá para preparar a documentación esixida e realizar o informe previo para poder poñer en marcha o proxecto de impulso do termalismo.

O deputado provincial de cooperación, David Regades, destacou que "o termalismo ten unha enorme potencialidade na nosa provincia e, desde a Deputación, imos traballar, de forma seria e contundente, para poñer en valor esta cuestión que é unha forma de impulsar a economía neste territorio, tan importante en momentos coma o que estamos a vivir". A maiores, Regades asegurou que "en colaboración cos concellos da provincia de Pontevedra e as cámaras municipais portuguesas, así como coa Universidade de Vigo e a de Minho, imos realizar un proxecto europeo que nos servirá para atopar novas formas de impulsar o termalismo".

Esta actuación de cooperación entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal serve para potenciar os lazos sociais e naturais entre ambas as rexións, así como pon de manifesto a importancia do termalismo nelas. Neste contexto, cómpre destacar que a provincia de Pontevedra é a que conta con máis recursos termais de España e o norte de Portugal ten importantes vilas termais coma Vileda, Penafiel ou Guimarães.

O proxecto "Hydrothermas, vilas termais de Pontevedra" ten como obxectivo a promoción e o desenvolvemento do produto turístico termal de Pontevedra, coa creación de novas infraestruturas e servizos termais, a mellora das existentes e a súa promoción, así como o fomento da vertebración do sector e a mellora da competitividade; ademais garante a participación dos concellos termais, o sector privado e as entidades públicas e veciñais. Para iso, e a través deste proxecto, a Deputación de Pontevedra impulsará a creación de novos produtos turísticos termais, ampliará e mellorará a oferta termal e turística das vilas termais, protexerá os acuíferos termais como recursos naturais, mellorará e protexerá os parques termais, aplicará medidas de  I+D+i neste ámbito, impulsará a creación de marca e a promoción conxunta das vilas termais de Pontevedra e apostará polo desenvolvemento de programas de termalismo orientados a diferentes segmentos de poboación.