Noticias

A Deputación de Pontevedra e sete concellos da provincia impulsan a biodiversidade nas vilas termais

A presidenta da Deputación subliñou que a institución impulsará a gran potencialidade termal da provincia de Pontevedra e anunciou que, ademais do proxecto "Hydrothemas", elaborará unha guía para poñer en valor o termalismo


10 dec 2015

Os alcaldes de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, O Grove, Mondariz-Balneario, Vila de Cruces e representantes do concello de Tui reuníronse esta mañá coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado delegado de cooperación, David Regades, co obxectivo de preparar a convocatoria para presentar o proxecto "Hydrothermas, vilas termais de Pontevedra e norte de Portugal" (no marco do POCTEP, Programa de Cooperación de Interreg-V España-Portugal, e cun prazo de inscrición que remata o vindeiro 18 de decembro). Ademais dos sete concellos da provincia e a Deputación de Pontevedra participan tamén no proxecto as cámaras municipais portuguesas de Vileda, Penafiel e Guimarães, así como a Universidade de Vigo e a de Minho.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou que "o termalismo ten unha enorme potencialidade na provincia de Pontevedra, que temos que poñer en valor para impulsar actuacións concretas planificadas a corto, medio e longo prazo, coa participación activa e lideradas polos concellos, coa finalidade de que os recursos que investimos teñan retorno real nos mesmos". Para iso, ademais do impulso do sector a través do turismo e o proxecto "Hydrothermas", a institución provincial elaborará unha guía, en formato dixital e en papel, que permitirá dar a coñecer os diferentes aspectos do termalismo na provincia de Pontevedra.

Silva agradeceu, ademais, a participación dos sete concellos no proxecto "Hydrothermas", así como a súa achega de ideas para a boa marcha desta iniciativa, o que contribuirá a impulsar o sector termal da provincia de Pontevedra. Así, a presidenta da Deputación salientou que "moitos alcaldes veñen reclamando un proxecto de apoio real ao termalismo na provincia de Pontevedra e este empeño é o que leva a que esteamos traballando xa, tecnicamente, en actuacións concretas e concordadas".

Carmela Silva tamén manifestou que lle solicitará unha reunión á Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica, xunto coa Deputación de Ourense, foi a que elaborou o plan estratéxico de termalismo de Ourense. Neste contexto, Silva asegurou que "non pedimos nin máis nin menos, pero si que se nos teña en conta, porque a provincia de Pontevedra é a que aglutina a maior oferta termal de España, co maior número de prazas hoteleiras e da máxima categoría, xa que o 75 % delas corresponden a establecementos de catro e cinco estrelas".

"Hydrothermas, vilas termais de Pontevedra e norte de Portugal" ten como eixe prioritario o crecemento sostible. Para iso, tratará de promover e desenvolver o produto turístico "termalismo de Pontevedra e norte de Portugal" a través dunha cooperación transfronteiriza que une biodiversidade e termalismo, mediante a creación de novas infraestruturas e servizos termais, así como a mellora das existentes e a súa promoción, fomentando a vertebración do sector, garantindo a participación dos concellos termais, o sector privado e as entidades públicas e veciñais.

Desde o punto de vista máis específico, o proxecto pretende a creación da rede de municipios termais de Pontevedra e norte de Portugal, a creación de novos produtos turísticos termais capaces de atraer novos segmentos de público, a ampliación e a mellora da oferta termal e turística das vilas termais, a protección dos acuíferos termais como recursos naturais, a mellora e protección dos parques termais, o I+D+i no ámbito termal, a creación de marca, a elaboración da carta de paisaxe das vilas termais, a promoción conxunta delas e o desenvolvemento de programas de termalismo orientados a diferentes segmentos de poboación.

Ademais, "Hydrothermas" propón impulsar o papel das administracións locais no estudo a través da planificación e xestión integrada das vilas termais, como estratexia para garantir o seu desenvolvemento socioeconómico sostible e tamén para mellorar a protección dos ecosistemas das vilas termais, os seus recursos hidrotermais, os seus espazos naturais, a súa paisaxe e o seu patrimonio cultural. Para iso, ademais das medidas de protección dos acuíferos termais proporanse actuacións de conservación e estudo da biodiversidade e dos espazos naturais das vilas termais e a elaboración de cartas de paisaxe de cada vila termal.

"Hydrothermas" permitirá que en cada concello se leven a cabo actuacións para restablecer a súa biodiversidade, recuperando e poñendo en valor parques, infraestruturas termais, paseos fluviais e impulsando a creación de espazos ecolóxicos e centros de interpretación. Ademais, a Universidade de Minho realizará unha análise para a ordenación do territorio das vilas termais. Pola súa banda, a Universidade de Vigo analizará a súa biodiversidade, así como o desenvolvemento de novos produtos termais.