Noticias

Carmela Silva e Salustiano Mato asinan o convenio para formar o profesorado e o estudantado en materia de igualdade

A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou que o pleno do venres aprobará o primeiro regulamento para o uso da linguaxe inclusiva na institución provincial


19 setembro 2017
Firma convenio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron esta mañá o convenio para a formación do profesorado e o estudantado en materia de igualdade a través da Escola de Igualdade Maria Vinyals da institución provincial. A firma tamén acudiron a catedrática María Álvarez Lires e Azucena Rivas, dous referentes en materia de igualdade da Universidade.

Carmela Silva mostrouse moi satisfeita porque tanto a Deputación como a Universidade son dúas administracións que apostan pola igualdade e declarouse "unha fan desta universidade que é unha referencia en investigación e innovación que esta situada como un referente no Sur de Galicia na educación de calidade". "Pero, si por algo son fan –continuou Silva– e polo seu compromiso coa igualdade entre homes e mulleres, onde son referente en todo o que están a facer de cara a igualdade".

O convenio asinado esta mañá oferta corenta prazas entre profesorado e estudantado e consta de dous módulos. Un presencial e outro en liña que se desenvolverán entre os meses de outono de 2017 a marzo de 2018. Segundo subliñou a presidenta da Deputación a formación abordará desde os datos que xeran a desigualdade entre homes e mulleres, os mitos, as barreiras e estereotipos, a lexislación en materia de igualdade, a violencia machista, a avaliación e a identificación de elementos sexistas no sistema educativo ate a linguaxe inclusiva non sexista, entre outros moitos temas.

Tanto Mato como Silva coincidiron no análise da "involución que estase a sufrir en materia de igualdade" "nun mundo co acceso tremendo a información –salientou o reitor–  entre as xeracións máis novas". Precisamente esta é a causa pola que estes cursos son "máis necesarios que nunca" destacou a presidenta.

Por outra parte, Carmela Silva aproveitou a firma deste convenio, para anunciar que o Pleno provincial do próximo venres aprobará o primeiro regulamento para o uso da linguaxe inclusiva na institución provincial "para manter a esta administración como un referente en materia de igualdade entre homes e mulleres polo que estamos a recibir recoñecementos e premios". Tamén presentarase a guía para o uso da linguaxe non sexista.

A presidenta, por último, subliñou que se trata dun convenio "de pouco máis de sete mil euros. Pero a veces estes convenios non teñen un valor económico moi importante pero a súa importancia a teñen pola defensa dunhas ideas. E o mundo o moven as ideas e non so as cuestións económicas".  

Pola súa parte, o reitor Salustiano Mato salientou o seu agradecemento pola confianza enmarcada nese convenio marco rubricado entre ambas institucións. Mato recordou que a igualdade "a Universidade de Vigo a ten moi interiorizada e, de feito, imos pola implementación do segundo plan de igualdade". O reitor tamén destacou o gran "clúster" de investigadoras do que dispón a Universidade de Vigo en materia de igualdade "que permite que falemos desde o rigor científico nesta materia".


Novas relacionadas