Noticias

Carmela Silva insta ás administracións competentes a impulsar proxectos no rural centrados na muller para loitar contra o despoboamento

A presidenta destaca na inauguración da xornada "A muller no sector lácteo", promovida pola Escola de Igualdade María Vinyals, o papel clave da muller no sector agrogandeiro e reivindica a necesidade de visibilizala para seguir dando pasos cara a igualdade efectiva


27 outubro 2018
Xornada Mulleres no sector lácteo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, inauguraron esta mañá na Casa da Cultura de Silleda a xornada A Muller no Sector Lácteo enmarcada na programación da Escola de Igualdade María Vinyals. Durante o encontro púxose o foco, desde unha perspectiva feminista, no sector lácteo, deixando patente o alto nivel de participación, implicación e importancia da muller.

Carmela Silva enxalzou o papel da muller no agro destacando "o valentes e bravas que sodes, a capacidade que tendes para facer fronte a tantas dificultades". Neste contexto, amosoulles que "en nós tendes unhas aliadas para reclamar, esixir e reivindicar porque non hai nada máis fermoso que a loita pola igualdade e as mulleres do rural sodes o espello máis potente da desigualdade histórica pero tamén da actual". Ao respecto a presidenta declarouse optimista: "este vai ser o noso século. Imos ocupar o espazo que nos corresponde, imos recuperar os nosos dereitos e estou segura que imos ser a garantía dunha sociedade cun futuro mellor".

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación tamén reivindicou o papel do muller no rural para frear o despoboamento. "Se as mulleres abandonamos o rural, o rural morrerá con nós", asegurou Silva quen aproveitou a ocasión para facer un chamamento ás administracións con competencias para "tomar moi en serio o mantemento do rural, loitar contra o despoboamento, que é un gravísimo problema en toda España pero particularmente en Galicia". Neste eido, Silva avogou por poñer en marcha proxectos con recursos económicos centrados nas mulleres, que son a porcentaxe maioritaria de persoas que nestes momentos están mantendo o traballo no mundo rural.

Xunto á importancia da muller no agro, a presidenta tamén incidiu na necesidade de visibilizar o seu papel. "Eu recordo cando era nena e ía pasar o verán coa miña avoa Raquel, quedaba asombrada ao ver a unha muller dedicada á agricultura e gandería, que se levantaba ás 6 da mañá e se deitaba ás 12 da noite e non paraba durante o día. Cando fun medrando dinme conta de que non se falaba do papel que desempeñaban mulleres como a miña avoa en ningún sitio. Hoxe teñen cambiado as cousas pero seguimos invisibilizadas".

Neste contexto Silva aportou datos cuantitativos que poñen de manifesto que Galicia é o territorio que máis leite produce de España, o 40 %, e o décimo de Europa e que factura 815 millóns de euros que supoñen o 2 % do PIB. Ademais, a presidenta tamén informou que no rural o 54 % das persoas que emprende son mulleres, ao igual que o 44 % das persoas titulares de explotacións agrarias. "E pese a estes datos, que poñen de manifesto o grande peso porcentual da actividade que desenvolven as mulleres no agro seguimos a ter pouco recoñecemento e ser invisibles", destacou a presidenta da Deputación.

Durante a súa intervención na inauguración da xornada As Mulleres no Sector Lácteo, a presidenta tamén se detivo na fenda salarial. "As mulleres cobramos un 21 % menos que os homes, facendo o mesmo, en Galicia e, a agricultura, gandería, pesca e silvicultura encabezan a desigualdade na remuneración por sexos. A min me indigna, debemos defender a nosa posición e demandar o que nos corresponde poñendo enriba da mesa os datos que existen e todo o que aportamos", destacou Silva.

Pola súa banda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, realizou un percorrido histórico do papel da muller no agro desde a posguerra deténdose nas desigualdades que existiron e aínda existen na actualidade. "As cousas foron mellorando, pero non como en outros sectores da sociedade e existe unha fenda moi grande entre a muller e o home no eido rural". Máis polo miúdo Cuiña puxo como exemplo a lonxa de Silleda e destacou que "se imos un martes por alí podemos comprobar como a xente que compra gando, nunha porcentaxe superior ao 90 % son homes. Gustaríame ver o que pasa se visitamos as salas de muxidura pola mañá, igual aí xa non encontramos as mesmas porcentaxes".

Para paliar esta situación de desigualdade no sector primario, o alcalde de Silleda reivindicou o papel da educación para acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes. "E non falo soamente dos colexios, senón das propias familias. Debemos inculcarlles a igualdade aos nosos fillos e as nosas fillas na contorna diaria".

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, incidiu novamente na necesidade de "visibilizar todos os sectores nos que a muller está presente". Máis polo miúdo, a deputada provincial destacou que as Nacións Unidas definiron como prioritario o desafío das mulleres rurais e, neste eido, quixo "poñernos ao voso servizo, porque sabemos que no campo trabállase as 24 horas do día e queremos que este sexa un día para rendervos homenaxe, para amosar toda a nosa solidariedade e compartir unha xornada de convivencia e intercambio de experiencias para mellorar".

Deste xeito, a través da xornada A Muller no Sector Lácteo analizouse en Silleda a industria láctea desde as novas oportunidades de negocio, desde un mellor coñecemento da parte máis tradicional do sector, da venda de leite, e, tamén, se promoveu que as mulleres tomen o protagonismo que lles corresponde dentro do sector lácteo en particular e do rural en xeral. Ademais, abordáronse non só os retos presentes e futuros, senón tamén iniciativas innovadoras con mulleres ao fronte.

Durante a xornada déronse cita as voces femininas máis sobranceiras do sector lácteo e rural. Neste eido, participou a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, cun relatorio sobre as "Mulleres ocupando os espazos, tamén no ámbito rural". Tamén se puido escoitar ás emprendedoras galegas Marta Álvarez, Susana Aguiar e Tania Aira para abordar "Novas iniciativas no sector lácteo". A última xornada da mañá centrouse nos "Retos do sector lácteo" a cargo de profesionais coma Teresa Míguez, Ana María Rodríguez, Anabel Pigueiras e Roberto García. Pola tarde tivo lugar un obradoiro de percuterapia e a exposición das conclusións extraídas durante a xornada.

A xornada A Muller no Sector Lácteo foi a terceira acción impulsada polo Servizo de Igualdade da Deputación para poñer en valor as figuras femininas que traballan no sector da agricultura e gandería. A primeira delas, "Visibilización e empoderamento das mulleres no mundo rural", desenvolveuse no 2016 en Pontevedra mentres que, a segunda, tivo lugar en Cambados no 2017 e tivo como eixo central "A experiencia das mulleres no mundo do viño".