Noticias

Carmela Silva analiza co Goberno municipal de Cangas as inversións da Deputación na vila do Morrazo

O ano pasado a institución provincial destinou máis de dous millóns de euros entre o Plan Concellos e outras axudas


22 maio 2017
Visita a Cangas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, analizou hoxe co Goberno municipal de Cangas, co seu alcalde Xosé Manuel Pazos ao fronte, as inversións que a institución provincial está realizando na vila de Cangas.

Carmela Silva e o alcalde visitaron as obras desenvolvidas no parque infantil de Rodeira, a urbanización da rúa Mestre Tenreiro, as melloras no barrio de Outeiro e a gran obra da estrada de Coiro e felicitou a Xosé Manuel Pazos e as súas concelleiras e concelleiros por ter elixido obras que supoñen melloras para a calidade de vida das veciñas e veciños de Cangas. "E unha aposta do Concello de Cangas para que o Plan Concellos sexa empregado nun modelo para recuperar as cidades para as persoas", subliñou Silva.

En concreto, no Plan Concellos a Deputación investiu no parque infantil de Rodeira máis de 50.000 euros; na urbanización da rúa Mestre Tenreiro a cantidade de 54.000 euros; na mellora do barrio de Outeiro, máis de 131.000 euros e na estrada de Coiro máis dun millón de euros.

Carmela Silva mostrou a súa satisfacción por ver onde se están a investir os recursos que a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia a través do "Plan Concellos". "Nós respectamos a autonomía local para que decidan onde investir os recursos pero para min é unha satisfacción, como presidenta, coñecer directamente como se invisten en mellorar e satisfacer as necesidades das persoas", destacou Silva.

Sobre Viso-Hío, a presidenta xa adiantou, que na actualidade está en redacción o proxecto tras fixar os criterios técnicos de actuación xunto coas e cos técnicos do Concello de Cangas. Silva recordou que o proxecto herdado do anterior Goberno provincial "era un auténtico desastre" "sendo inviable e non realizable o que plantexaba nel. Sen custo real do que se propoñía no proxecto e sendo claramente un convenio firmado pouco antes das eleccións pero dunha obra que non se podía realizar como nos está a acontecer en toda a provincia. A veciñanza ten que estar tranquila por esta obra, agora si que vai ser unha realidade e non só un anuncio electoralista".

Pola súa banda, o alcalde Xosé Manuel Pazos, mostrou a súa satisfacción pola visita da presidenta da Deputación e considerou moi importante que "queira coñecer e ver directamente como se están a facer as cousas". O alcalde mantivo que o Plan Concellos vai seguir adicándose a mellorar a calidade de vida doa veciñas e veciños de Cangas.

O alcalde recordou que os proxectos feitos con anterioridade pola Deputación estaban sen un estudo real de custes "feitos a ollo, acontece en Viso-Hio, pasou no campo do Alondras e pasou tamén na estrada de Coiro que tiveron que ser suplementados posteriormente para a súa conclusión", recalcou Xosé Manuel Pazos.

Por último, Carmela Silva subliñou que dentro do Plan Concellos do ano pasado a inversión da Deputación ascendeu a 1.019.346,45 euros e para o 2017 ten destinado 1.089.023,28 euros á vila do Morrazo. Ademais doutro millón de euros en outras axudas como en igualdade, mobilidade, cohesión social, xuventude, cultura ou lingua. A presidenta concluíu reclamando que desexaba que outras administracións fixeran inversións deste nivel na vila de Cangas "que como sempre recorda o seu alcalde durante os meses de verán reciben unha inxente cantidade de turistas, algo que debería terse en conta, para que estes concellos costeiros conten con certas achegas a maiores da Xunta de Galicia para mellorar os seus servizos".

Fotos