Noticias

Cangas recibe case 170.000 € do Plan Concellos para acondicionar camiños municipais e actuar na recollida de pluviais

O grao de adxudicación do Plan Concellos en Cangas sitúase no 75%, o que supón un investimento na vila de 762.867,06 €


18 xuñ 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a achega de 167.899,99 € ao concello de Cangas para a reparación e acondicionamento de camiños de titularidade municipal na contorna do río Bouzós, e a contención e a recollida de pluviais no lugar de Ourelo. Esta actuación está enmarcada na liña 1, investimentos, do Plan Concellos.

Esta axuda súmase ás outorgadas anteriormente: 221.458,62 € na liña 1 para a adquisición de luminarias no paseo Castelao, Eugenio Sequeiros e Montero Ríos, a adquisición de vehículos para limpeza e recollida de lixo e a renovación urbana das rúas Hospital, Lúa e Lirio, 134.901,97 euros –liña  2– para gastos correntes, 38.050 € na liña 3 para nove actuacións culturais (un proxecto orquestral, proxectos educativos, camiños escolares, actividades medioambientais, Musicanfas 2016, o Correlingua, o 17º Salón do Cómic, o III Festival de Danza e Música Tradicional de Cangas "Aturuxos ao son da ría" e a programación cultural do auditorio municipal en canto a "Rede Teatros" de abril) e, por último, 200.556,48 € destinados á contratación de 34 traballadoras e traballadores que desenvolven as súas profesións nos servizos municipais.

No que levamos de 2016, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 destinado a Cangas sitúase no 74,8% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila acada a cifra de 762.867,06 €.