Noticias

Cangas recibe máis de 100.000 euros do Plan Concellos 2017 para realizar obras na rúa Buenos Aires e mellorar a cuberta da praza de Abastos municipal

A institución provincial leva entregado o 60 % do total destinado a Cangas dentro do plan, un investimento superior aos 650.000 euros


31 maio 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas para o Concello de Cangas ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017 de Investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará, por unha banda, 57.863,03 euros para a reposición de servizos e a pavimentación da rúa Buenos Aires e, por outra banda,
43.197 euros que permitirán ao Concello arranxar a cuberta da praza de Abastos municipal. En total, estas dúas axudas suman 101.060,63 euros.

Con anterioridade, Cangas xa recibira 195.290,30 euros, tamén na liña 1 de Investimentos, para a adquisición dun vehículo eléctrico para o servizo de mantemento de parques e xardíns, a humanización das rúas Baiona e Méndez Núñez e a realización dunha memoria para a adquisición de distinto material. Ademais, 163.353,49 euros en liña 2 para o tratamento de residuos urbanos e, por último, a cantidade de 196.364,66 euros que permitirán que 29 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Grazas a esta nova achega, a vila de Cangas xa leva aprobado o 60,2 % do total de investimento que recibe dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 656.068,48 euros dun total de preto de 1.100.000 euros.