Noticias

Cambados acolle o programa itinerante "Degusta Europa" impulsado pola Deputación de Pontevedra

Con este proxecto a institución provincial busca resaltar a gastronomía como un dos símbolos da riqueza cultura de Europa e, ao tempo, reivindicar os produtos locais e autóctonos


10 may 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa alcaldesa do concello, Fátima Abal, asistiu esta mañá ao acto "Degusta Europa" no concello de Cambados, impulsado polo ente provincial e enmarcado nunha serie de actuacións que a institución está a organizar para conmemorar o Día de Europa.

A iniciativa ten por obxectivo simbolizar a unión entre os diferentes pobos europeos empregando como elemento motor a gastronomía ao tempo que se impulsa a materia prima da provincia de Pontevedra. Mediante a itinerancia do programa búscase, a palabras da presidenta, "por en valor os nosos mercados municipais, os nosos produtos e os nosos profesionais".

No caso de Cambados, o profesorado e alumnado voluntario do centro educativo Carlos Oroza encargáronse de mercar produtos das Rías Baixas no mercado municipal do concello e alí mesmo, ao estilo dun show cooking, elaboraron pratos típicos europeos. Mais concretamente, "Bloodymary" e "linguado meuniere", típicos de Francia; "mexillóns ao azafrán", prato característico  de Bélxica; e o  "Orange Blossom", cóctel propio do Reino Unido.

O programa, que xa pasou polos concellos de Caldas e Pontevedra, continuará nos mercados municipais de A Garda (11 de maio), Bueu (12 de maio) e Vigo (13 de maio). A degustación, nestes casos a cargo do centro educativo Manuel Antonio, estará formada por "Hamburguesa de porco", "Sopa de melón con Oporto texturizado", "Rissoto de mexillóns con tella de quixo parmesano", "Xoubas fritidas con tempura de millo" e "Xarda lañada con brotes tenros". 


Novas relacionadas