Noticias

Caldas de Reis recibe a performance de María Roja no programa da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero"

O programa promovido polo Goberno de Carmela Silva xunto cos concellos da provincia ten por obxectivo convidar á sociedade á reflexión sobre a lacra das agresións machistas


02 xullo 2017
Mulleres en acción. Violencia Zero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, asistirá este luns, 3 de xullo, ás 12:30 horas, na praza das Palmeiras, a unha nova intervención artística organizada polo programa "Mulleres en acción. Violencia zero", que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Para Caldas de Reis o programa promovido pola institución provincial ofrece unha actuación da artista lucense María Roja, que chegará coa súa performance "Can Cancela Calafrío", unha acción escénica coa implicación da loita pola igualdade.

María Roja é unha artista visual e performer licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e titulada superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. A súa obra amosouse en exposicións e festivais organizados en galerías, museos e espazos alternativos de Galicia, España, Portugal, Grecia, Taiwán, Uruguai, Colombia, Chile, Brasil, Honduras, México, Ecuador, Santo Domingo, Arxentina ou Perú. Ademais é cofundadora do Fato Bicéfalo Ohn e dos colectivos áIntemperie e Blanco&Roja, proxectos situados no campo da arte de acción experimental.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).


Novas relacionadas

Violencia Zero en Caldas

03 xullo 2017, machismo, igualdad, igualdade, machista, caldas, violencia zero, violencia de género, violencia de xénero, fomento da igualdade, contra a violencia machista