Noticias

Vilagarcía acolle desde mañá a mostra "Mulleres en acción: Violencia zero" impulsada pola Deputación

A exposición ten por obxectivo reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na problemática da violencia machista


03 ago 2016

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, inaugurará mañá, ás 12:00 na casa do concello, a exposición itinerante impulsada pola institución provincial  "Mulleres en acción: Violencia Zero", que ata finais de mes poderá verse en Vilagarcía.

A mostra recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

O obxectivo da exposición é fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica fronte á violencia machista, buscando ademais unha implicación real na loita contra esta lacra, que este ano xa provocou a morte de 27 mulleres en toda España, unha delas en Galicia, e 16 menores orfos. Dende o organismo provincial, e a través desta mostra e doutras iniciativas, preténdese ademais insistir na necesidade de comezar esta loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas.

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova foron as encargadas de darlle corpo a "Mulleres en acción: Violencia Zero", con diferentes recreacións artísticas o pasado 25N. Todas elas son novas artistas galegas, polo que a través desta iniciativa tamén se visualiza o seu traballo, achegando así a arte contemporánea ás rúas a través do diálogo con todos os públicos e incentivando ao mesmo tempo a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.

Adriana Pazos e Iria Acevedo foron as artistas que o 25 de novembro presentaron a súa performance "Cogombros en vinagre" en Vilagarcía. Na súa acción buscaban amosar as complicacións que se chegan a dar no mundo en parella e o abismo de xénero existente, que fai agromar a lacra da violencia machista.

"Mulleres en acción. Violencia Zero" está a percorrer os concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista. A exposición, que xa se mostrou nos concellos de Pontevedra, Tomiño, Lalín, Tui, Caldas e Redondela, poderase ver en Vilagarcía a partir de mañá e ata finais de agosto. En setembro chegará a Cangas, en outubro a Moaña e, finalmente, en novembro ao concello de Vigo. 

 

Novas relacionadas

Violencia Zero

08 agosto 2017, violencia zero, vilagarcía de arousa, mulleres en acción, dores tembrás
Mulleres en acción. Violencia Zero

02 xullo 2017, violencia zero, mulleres en acción, contra a violencia machista
Mulleres en acción. Violencia Zero

29 xuño 2017, violencia zero, violencia de género, violencia de xénero, mulleres en acción, contra a violencia machista