Noticias

Caldas de Reis destina 57.000 € do Plan Concellos á renovación da rúa Juan Fuentes Echevarría

O grao de adxudicación do Plan Concellos en Caldas sitúase no 25%, o que supón un investimento na vila de 146.787,93 €


25 set 2016

A Deputación de Pontevedra, a través dunha resolución presidencial, vén de aprobar unha nova axuda á vila de Caldas de Reis ao abeiro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016. Deste xeito, Caldas recibe unha achega de 57.074,33 € que se destinarán á renovación da rúa Juan Fuentes Echevarría.

Malia ser o primeiro investimento aprobado ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2016, Caldas de Reis xa recibiu máis axudas por parte da institución provincial nas outras liñas que o integran. En primeiro lugar, 22.300 € na liña 3 (actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais) para financiar o profesorado da Escola de Música, un proxecto de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, a V Feira Tradicional, un proxecto de promoción turística, o Congreso Galego de Medioambiente e un obradoiro de manexo de smartphones e tablets para persoas maiores e, por último, outros 67.413,60 € na liña 4 (emprego) cos que oito persoas se incorporaron aos servizos municipais de Caldas.

Polo de agora o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 en Caldas se sitúa próximo ao 25% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila acada a cifra de 146.787,93 €.

Cómpre lembrar que Caldas de Reis é unha das únicas oito vilas cuxo orzamento ao abeiro do Plan Concellos 2016 aínda non está completado, xunto con O Grove, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Moaña e Ponte Caldelas.