Noticias

Caldas de Reis recibe da Deputación unha nova achega de máis de 4.000 euros ao abeiro do Plan Concellos

Con estas achegas, o Goberno de Carmela Silva xa aprobou o 88,3 % do orzamento para Caldas de Reis ao abeiro do Plan Concellos 2017


28 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante Resolución presidencial, un novo investimento para o Concello de Caldas de Reis ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. Así, a institución provincial achega 4.598,00 euros que permitirán adquirir material audiovisual para o auditorio municipal.

A esta última achega hai que sumarlle as concedidas anteriormente pola Deputación de Pontevedra á vila de Caldas de Reis dentro do Plan Concellos 2017. Deste xeito, Caldas de Reis xa recibira un total de 452.809,68 euros en liña 1 para o saneamento do lugar de Casalderrique, en Carracedo, para que a vila financie a adquisición dunha finca en Segade de Arriba, para a adquisición dunha parcela, para a ampliación do centro ocupacional, para a ampliación do aparcadoiro na Finca da Tafona, para o acondicionamento de beirarrúas de formigón na pista de pádel, para financiar melloras nos pavimentos dos camiños de Soutelo de Abaixo, Pazo e Canle, para levar a cabo obras de mellora nas dependencias municipais e para a rehabilitación dunha praza na parroquia de Santa María de Godos; todas elas a través da liña 1. Así mesmo, a vila tamén recibiu 156.495,17 euros a través da liña 3, para a contratación de 10 persoas nos distintos servizos municipais.

Deste xeito, a vila de Caldas de Reis xa leva aprobados 613.902,85 euros, o que supón un 88,3 % do total previsto dentro do Plan Concellos 2017. Este ano Caldas de Reis recibiu un 16,62 % máis do que percibiu a través do Plan Concellos 2016.