Noticias

Bueu acada o 100% do Plan Concellos cunha axuda á pavimentación de camiños municipais

O 100% do grao de execución do Plan Concellos supón completar os máis de 735.000 € previstos nos orzamentos para o concello bueués


22 xuñ 2016

A institución provincial vén de aprobar, mediante resolución presidencial, a achega que completa o investimento outorgado a Bueu dentro do Plan Concellos 2016. Esta última axuda correspóndese coa pavimentación de catro camiños municipais: As Meáns, o Camiño da Morada no lugar de Meiro, un camiño en Sar na parroquia de Cela e o Camiño do Couto. Esta partida de 42.000 € forma parte da liña 1, investimentos, do Plan Concellos.

O resto de axudas enmarcadas neste plan son as seguintes: 535.015,09 € en liña 1 para a subministración de luminarias que melloren a eficiencia enerxética do casco urbano, a ampliación da rede municipal de saneamento entre Castelo e Pousada, na parroquia de Cela, o subministro dunha varredora aspiradora e a restauración da banda do río e carpintería na ribeira do estaleiro de Purro. Ademais, 26.000 € en liña 3 para sufragar a Festa do Polbo e, por último, 133.633,85 € na liña 4 de emprego destinados á contratación de 30 traballadoras e traballadores.

O 100% no grao de execución do Plan Concellos 2016 en Bueu supón un investimento para a vila de 736.977,09 €.