Noticias

Explosión para os sentidos este sábado na Estrada na primeira Ruta das Maceiras en Flor da Deputación

Carmela Silva participou na ruta matinal que percorreu as plantacións de Callobre e as das sidrarías Ribela e Torres de Moreda onde enxalzou o traballo de produtoras e produtores


28 abril 2019
Maceiras en Flor

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistiu este sábado á ruta matinal da segunda edición das Rutas das Maceiras en Flor xunto ás 25 persoas que conseguiron as cotizadísimas prazas gratuítas que ofertou este ano a institución provincial, que permiten contemplar o espectáculo das maceiras en plena floración e dar a coñecer o traballo de produción das sidras e doutros produtos que proveñen da mazá. Foi a primeira das tres rutas polas maceiras do concello da Estrada, con 75 prazas que voaron ás poucas horas de anunciarse, que terán esta tarde unha segunda actividade e rematarán o próximo sábado cunha última visita.

No Lagar de Ribela, a presidenta provincial lembrou que "temos que apostar por potenciar un turismo ligado aos nosos valores naturais, e a produción de mazá e a elaboración de sidra natural son unha mostra clara destas produtoras e produtores que co cooperativismo logran poñer os nosos produtos en moitas partes do mundo. É case un milagre, dixo Carmela Silva, de xente especial e admirable que é capaz de manter o seus soños moitas veces con poucos ou nulos apoios, algo do que temos que tomar conciencia". A presidenta provincial fixo un chamamento á cidadanía da provincia para que sexa consciente dos moitos valores que temos e de que teñen que ser reivindicativos e reivindicativas para que nos esixan ás administración que poñamos medios para manter esta marabilla".

Silva incidiu en que temos que poñer en valor o noso rural co turismo de interior. "Ten enormes potencialidades polas que hai que apostar. Este rural é o que garante un país auténtico, diferente, pero tamén un modo de vida e unha forma de pensar o futuro. Cada vez máis a xente é consciente da necesidade de manter a natureza, da alimentación ecolóxica e da importancia de salvagardala nos da posibilidades de futuro". Aínda así, a presidenta da Deputación volveu a insistir en que para iso "ten que haber proxectos económicos que garantan que a xente poida vivir con recursos suficientes. Hai que apostar por dotalos de servizos, de equipamentos e dotacións, para que a xente non teña que ser heroes ou heroínas para quedarse no rural".

As 25 persoas participantes desta primeira ruta, como o farán as 25 desta tarde e as persoas que participen o sábado 4 de maio, visitaron as sidrarías Ribela, a de Torres de Moreda e a de A Peroja, ademais da plantación de Callobre. Tamén puideron contemplar a sobreira máis antiga de Galicia do pazo das Valiñas.

Este é o segundo ano consecutivo que desde a Deputación de Pontevedra se poñen en marcha as Rutas das Maceiras en Flor, enmarcadas no Plan estratéxico de turismo e na campaña provincial "Fame de experiencias ?", co obxectivo de potenciar o turismo no interior da provincia, desestacionalizar a demanda e dar ás persoas participantes a oportunidade de gozar dun espectáculo floral único coas maceiras en flor, ademais de coñecer polo miúdo o traballo de sidrarías e poñer en valor a dedicación e esforzo das produtoras e dos produtores da zona.