Noticias

As persoas, "elementos sagrados" nas cidades

O director do Observatorio Nacional de Seguranza Viaria afirma que a implantación do máximo de 30 km/h permitirá a medio prazo afondar no modelo de vilas e cidades para as e os peóns


21 maio 2021
Facultade Agora

As persoas e os peóns deben ser os "elementos sagrados" en todas as vilas e cidades. Todas as tendencias internacionais están a mudar para seguir ese camiño, cun modelo de calmado da velocidade e de convivencia na que os vehículos a motor deben estar na parte menos prioritaria das decisións para conseguir cidades sustentables e amables. Así se confirmou hoxe na cuarta sesión da Facultade Ágora sobre o espazo público organizada polo departamento de Mobilidade da Deputación, no que volveron participar figuras de gran nivel como as enxeñeiras Paula Teles e Ole Thorson, o director do Observatorio de Seguridade Viaria da DXT, Álvaro Gómez, e o arquitecto pontevedrés Jesús Fole.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, comezou a xornada destacando a clara aposta da Deputación pola recuperación do espazo público, primeiro desde a actuación no Servizo de Vías Provinciais coa elaboración do Plan Móvese para pacificar o tráfico, a Guía de Mobilidade Amable e, agora, coa posta en marcha da Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público no que están tres cuartas partes dos concellos da provincia coa aspiración de revolucionar o seu deseño urbano eliminando coches.

Xa no seminario, a intervención de Álvaro Gómez centrouse no tema de ‘As persoas primeiro', un lema co que, dixo, a Dirección Xeral de Tráfico está totalmente alienada e que está detrás dunha das principais reformas normativas: a implantación do límite estatal de 30 km/h en vías dun só sentido. Afirmou que Pontevedra é un exemplo paradigmático nun movemento cara a outro tipo de mobilidade e de planificación de uso do espazo baseado na convivencia, no que non só hai máis persoas que camiñan ou utilizan a bicicleta, senón que hai vehículos de mobilidade persoal. "Para garantir a seguridade desa convivencia e para recuperar o espazo das rúas como espazo para a convivencia cremos que é crucial a pacificación do tráfico que está detrás da nosa reforma e do modelo de Pontevedra", apuntou.

Gómez destacou que ter un límite xenérico de 30 vai facer que sexa máis fácil para os concellos de pequeno e mediano tamaño avanzar na planificación da mobilidade urbana natural (camiñar e andar en bicicleta). Sinalou o percorrido a medio e longo prazo ademais dos beneficios inmediatos de seguridade, xa que a limitación a 30 trátase dun paraugas normativo de obrigado cumprimento.

Pola súa banda, a enxeñeira portuguesa Paula Teles destacou que as persoas técnicas "temos que deseñar, planear e construír as cidades para as persoas". A súa intervención contou cun encadramento teórico sobre as grandes mudanzas que aconteceron nos últimos anos desde o punto de vista social, económico e ambiental e incluso demográfico, todas elas con grandes preocupacións "que levan a grandes desafíos políticos".

Segundo dixo, a compoñente técnica é esencial porque é precisa para que a parte política saiba o que debe facer, mais destacou que debe ser moi forte e precisa para que as e os políticos poidan non ter medo e tomar decisións que supoñan unha grande mudanza de hábitos e actitudes. "O coche invadiu as cidades por todo o mundo. Foron décadas nas que cada persoa quería un coche. Ágora vir de repente a facer unha inversión desta situación non é fácil", destacou.

Sobre a porcentaxe de espazo que deben ocupar persoas e coches resaltou que debe ser a contraria á defendida nas décadas anteriores: "Os coches só deben ocupar o espazo necesario para a loxística urbana. Todo o outro espazo debe ser un espazo de servizos, de utilización para o comercio tradicional, para paseos", apuntou, destacando que é necesario que as persoas dispoñan do 70 % dese espazo ou que, nunha vía compartida, se traballe para que o coche conviva.

Teles insistiu en que as vilas deben ser tamén inclusivas, permitindo o dereito de todos á cidade e que esta sexa "un espazo de democracia, de dereito pleno". Destacou que Pontevedra para os portugueses foi "un exemplo moi grande, ten sido unha vitamina… Imos a Pontevedra, vemos os resultados e de seguido queremos colocar no noso territorio portugués. Funciona como un catalizador de mudanza porque é un territorio que é case igual ao noso. Moitas veces non cremos que sexa posible facer cambios, mais é posible porque estamos en Pontevedra e vemos as rúas con persoas e os nenos a brincar nas rúas. Vemos o coche que fica no aparcamento disuasorio e percorremos a cidade a pé conversando", salientou.

Na súa intervención Ole Thorson destacou que camiñar é o modo de transporte máis importante, e que a maioría das persoas usuarias das zonas urbanas trasládanse a pé polo que non se deben dar as tres cuartas partes do espazo aos coches. "O reparto do espazo é ilóxico. Hai que redeseñar as rúas, tendo claro que os condutores non teñen dereito a coller todo ese espazo", indicou.  

Segundo dixo, cada parte da rúa debe ser segura e ter unha perspectiva agradable para as e os camiñantes, tanto na beirarrúa como nos pasos de peóns, porque o que ve o peón "é máis importante que a vista que chega ao condutor", que no seu parecer, debe ser o que debe vixiar os puntos de conflito.

Asegurou que a persoa que cruza debe ter privilexios: O paso de peoas e peóns debe formar parte integral da beirarrúa, o que quere dicir que hai que facelo á altura da beirarrúa e os condutores deben subir e baixar os lombos. "Esa é unha idea básica", insistiu. Engadiu tamén algunhas das chaves para deseñar: que cada proxecto viario debe atender o espazo do peón como primeira prioridade; non se deben invadir os 2,5 ou 3 metros de espazo libre para andar na beirarrúa sen obstáculos; o itinerario peonil debe ser o máis recto posible; o paso de peóns debe sempre seguir a beirarrúa en liña recta.

Pola súa parte, o asesor de Mobilidade da Deputación, Jesús Fole, afondou na idea de que os espazos, en concreto as beirarrúas, deben ser consideradas "infraestruturas" que deben cumprir coas necesidades das persoas. Criticou as dimensións de 1,8 metros permitidas pola normativa e destacou que a fórmula que garante a prioridade no espazo é dar un mínimo de 2,5 ou tres metros para permitir que se crucen dous paraugas sen ter que baixar á calzada.

Outro dos aspectos abordados foi a necesidade de calidade nos espazos, asegurando que o urbanismo táctico non debe ser un obxectivo, senón que hai que apostar por tratamentos de alta calidade que aumenten o benestar das persoas nas rúas e permitan comprender que o espazo é realmente para elas de maneira definitiva.

O coche eléctrico no hábitat humano

Outro dos debates máis interesantes que se abordou no coloquio posterior aos relatorios foi a tendencia a presentar o coche eléctrico como a solución para a contaminación e os problemas de tráfico nas cidades, tema que foi cuestionado por todas as e os participantes.

Neste sentido, o propio deputado provincial Uxío Benítez recoñeceu que, se ben pode supoñer unha "dubidosa" mellora ambiental, á hora de mellorar o espazo e a convivencia urbana non é a solución para a recuperación das cidades para as persoas. "Se pensamos no hábitat de calquera especie animal protexida, temos claros que por moito que o coche eléctrico non contamine non imos deixalo cruzar ese hábitat. Por iso non debe ser tampouco benvido nas cidades, xa que realmente invade o espazo das persoas", salientou.

Pola súa banda, Álvaro Gómez manifestou que o coche eléctrico ten os seus beneficios "obvios", mais destacou que en termos xerais na cidade o que se debe formular é cal debe ser o equilibrio entre diferentes medios e formas de desprazarse. "Dá igual que sexa un vehículo eléctrico ou non o sexa. É un pouco cuestión da xerarquía dentro da planificación urbana que deben ter os diferentes medios de desprazamento. Quizais aí está a chave. Hai un consenso na importancia central do peón que se traballou tanto en Pontevedra como noutros lugares e por esa liña é pola que imos seguir avanzando", insistiu.

Paula Teles, neste sentido, destacou que cambiar os combustibles fósiles non resolve o problema das cidades porque "o eléctrico" aínda ten problemas adxacentes e ocupa espazo. "Non podemos ter o espazo público que é moi precioso ocupado con metros de carros na rúa. Por tanto, nós por un lado temos que traballar na descarbonización e outros transportes máis sustentables, e temos que facer unha mudanza de redeseño. Temos que deseñar o espazo público para que permita un maior fluxo peonil", pechou.

Ole Thorson en canto ao coche eléctrico destacou que non se ten demostrado que a vida e o reciclaxe dun coche eléctrico produza menos contaminación que os actuais, e que a produción eléctrica sexa menos carbonizable que o petróleo. Destacou que poderá haber menos contaminación nas cidades, pero cuestionou "por que temos que destruír o campo? Café para todos? Esa idea non me vai". Insistiu en que o vehículo eléctrico ocupa o mesmo espazo que os coches actuais, polo que "non é unha mellora en canto ao espazo público".

Posible exportación da Facultade Ágora ao estranxeiro

A posta en marcha da Facultade Ágora por parte da Deputación tamén estivo no eixe de todas as participacións das e dos relatores. Neste sentido Álvaro Gómez cualificouna como unha "iniciativa espléndida" na liña doutras existentes fóra de España onde a capacitación en materia de mobilidade e seguranza viaria se ve desde un punto de vista moi amplo e vai dirixida aos diferentes perfís e tipos de profesionais que están implicados na toma de decisións e na súa posta en marcha. "Ter un espazo para a capacitación, discusión e intercambio de ideas que implique a técnicos e a políticos é unha idea fantástica que sitúa a Pontevedra á altura doutros países europeos onde isto se viu facendo regularmente. Estou seguro de que isto a medio e longo prazo vai producir moitos beneficios", dixo.

Pola súa banda, Teles cualificou a Facultade como un proxecto brillante e afirmou que traballará para se poida espallar por outros países de lingua española e portuguesa na vindeira tempada. Explicou que como presidenta do Instituto Portugués de Mobilidade está buscando a posibilidade de implantala en Portugal porque "sería unha pena que só quedara na Galiza". "É importante pasar a mensaxe das boas prácticas, da posibilidade de construír redes de traballo e dar forza aos políticos porque non se pode ter medo. En 2022 hai que ver se a Facultade pode pasar a fronteira co mesmo modelo", apuntou, ao tempo que destacou que para ela é unha satisfacción ser a única portuguesa convidada.

Thorson, neste sentido, afirmou que Ágora é unha boa aposta porque é necesario debater xuntamente: " Hai que sacar tanto os técnicos á rúa porque se planifican desde o despacho non funcionan… e os políticos que só negocian coas voces cantantes nun país non toman as decisións correctas sobre o que precisa a cidadanía". "Hai que facer grupos de debate e acadar que pros e contras se debatan. Non é a economía a que debe mandar en todo. Non é a velocidade a que ten que mandar en todo", finalizou.

Fotos

Audios

  • Audio
    Paula Teles
  • Audio
    Ole Thorson
  • Audio
    Álvaro Gómez