Noticias

A Facultade Ágora aborda a cidade ideal: a que respecta ás persoas para que vivan tranquilas e na que o coche é convidado e non protagonista

O arquitecto Mateus Porto e o xeógrafo Pau Avellaneda animan as concelleiras e concelleiros e persoal técnico dos concellos da provincia a aproveitar as oportunidades que dá a COVID-19 para mellorar as súas vilas


07 maio 2021
Facultade Ágora

A terceira sesión da Facultade Ágora centrouse hoxe nos ‘Espazos amables, seguros e inclusivos' para poñer sobre a mesa como debe ser a cidade ideal para vivir e as fórmulas que deben seguir as e os representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia para conseguila. A conclusión foi unánime: debe respectar ás persoas nas súas necesidades sociais e non só no respectivo á mobilidade, facendo que o coche se sinta un "convidado" en lugar de protagonista.

Na xornada participaron o doutor en xeografía Pau Avellaneda, e as arquitectas Izaskun Chinchilla, Andrea Otero e Mateus Porto, facendo un enfoque individualizado e moi persoal sobre como se deben abordar as decisións e tamén sobre como a pandemia está a acelerar a recuperación do espazo público facéndoa, xunto á emerxencia climática, "moi urxente".

O deputado Uxío Benítez destacou que o seminario buscaba reflexionar sobre a importancia que teñen o deseño e os usos no tratamento do espazo público "para que sexa de todos". "Hai que pensar os espazos para que os colectivos vulnerables da sociedade poidan ser usuarios, pensar en nenas e nenos, persoas con discapacidade, nesas persoas maiores ou que non teñen condicións sociais para acceder a outro tipo de espazos que precisan unha capacidade económica maior", insistiu.

Defendeu que o reto é a aplicación práctica da filosofía de centrar as actuacións nas persoas "xa que ás veces acabamos indo cara a decisións que non se adaptan ás realidades para que sexan amables, seguras e inclusivas". "Non debemos pensar no modelo dos anos 40 e 50 cando se comezaron a construír as cidades baseadas en homes que teñen coches e que precisan acceder o máis rápido posible. Hai que cambiar o chip", animou ás máis de 200 persoas que asistiron aos relatorios.

Seguindo este discurso Mateus Porto destacou que unha cidade ideal é aquela na que unha persoa "ten a posibilidade de vivir, na que unha persoa encontra a outras persoas e ten actividades xa sexan laborais e de estudo -dependendo do momento vital-, onde se sinte a gusto". O tema do tráfico, afirmou, ocupou moito espazo nas cidades de maneira xeralizada, polo que agora defendeu que toca desaprender a facer esa cidade que é para os coches e aprender ou reaprender a recuperar o espazo para as persoas. "Hai que deixar o tráfico no seu sitio, porque é indispensable para que a cidade funcione hoxendía, pero hai moitos lugares nos que os vehículos privados deberían ser invitados e non protagonistas", insistiu.

No seu relatorio ‘O espazo público amable para adiar a fin do mundo' lembrou tamén que hai que actuar xa nas cidades "porque non nos queda outra se queremos saír adiante. Se queremos seguir vivindo en paz con nós mesmos e co planeta un dos pasos importantes é transformar a nosa contorna urbana e transformar as nosas rúas".

Pola súa parte, Pau Avellaneda explicou que a cidade ideal é a que cumpre co obxectivo 8:80, que sirve para as nenas e nenos de menos de oito anos, pero tamén para os maiores de 80. "Evidentemente, estando preparada para estes colectivos está preparada para todo o mundo. Son cidades e vilas nas que un pode camiñar tranquilo pola rúa, onde un pode xogar, onde pode pasear e sobre todo onde un non teña medo de saír á rúa, onde non me angustia se me pode saír un coche diante da porta e se aquela beirarrúa está ben, se o coche estacionado ou a moto fará ruído… Son cidades que se parecen máis ao campo que á cidade no sentido de cidade amable, tranquila, que te acolle, te respecta…", explicou.

Abondou afirmando tamén que a cidade ideal é a que ten os menos coches posibles, sen que desaparezan por seren necesarios, pero tendo en conta que debe respectar aos outros usuarios viandantes, ciclistas, persoas maiores, nenas e nenos non ten problema. Pero sempre respectando aos demais.

Izaskun Chinchilla tamén fixo a súa achega sobre a cidade ideal. Para a arquitecta as cidades mediterráneas son o soporte perfecto, mais é necesario actualizalas nos seus usos. "A cidade ideal é a cidade compacta, continua, cunha axeitada mestura de usos, con abondosa rede de espazos exteriores e adaptados ao clima de cada lugar", dixo.

"Temos un punto de partida moi bo, con cidades excelentes, resilientes e ben adaptadas, pero temos que incorporar cuestións como a gobernanza participativa ou a biodiversidade", coa necesidade de traballar no que ela chamou a "capa branda" para acadar cidades máis coidadoras.

Izaskun Chinchilla. Renaturalizar a cidade para facela compatible cos coidados

Na súa intervención Chinchilla apelou múltiples ocasións á necesidade de mudar o papel que compren os coches na cidade: "Para cumprir cos Acordos polo Clima de París xa sabemos que é necesario retirar o tráfico motorizado, pero debemos ir máis aló renaturalizando a cidade e facéndoa compatible cos coidados".

Nese sentido sinalou os sinais de tráfico, as "liñas brancas" pintadas sobre o asfalto como "o gran fracaso do deseño urbano, porque unha cidade ben deseñada ten que ser quen estimule a intuición das persoas que a utilizan, sen que sexa preciso sinal ningún".

Considera que o deseño urbano tense baseado nun "desequilibrio de intereses", tendentes a garantir o desenvolvemento das actividades produtivas, esquecendo o resto de actividades humanas: "Deixaron de ser importantes cousas como se se pode beber auga pública na rúa, pasear de maneira protexida das inclemencias do tempo ou mesmo descansar nun banco público". Esas "desatencións" xeraron moitos dos graves problemas que teñen hoxe os espazos habitados.

Dedicou unha atención especial á infancia a través dun diagnóstico bastante cru sobre os espazos de xogo actuais, que son lugares segregados do resto da cidade pola necesidade de protexelos da contorna; son parques "escolarizados" con instrucións de usos moi precisas e estritas, e que tenden a segregar ás crianzas por idades "impedindo a sanísima e frutuosa relación interxeneracional no xogo, que nos permite incrementar a corresponsabilidade de nenas e nenos".

Mateus Porto. A teoría do taburete para mellorar o espazo público

O arquitecto Mateu Porto tratou o tema do día dentro do contexto da urxencia climática e crise ambiental, sanitaria e social existente e da importancia de recuperar o carácter amable do espazo público "en momentos como os que estamos a vivir".

Porto centrouse no carácter humano das persoas que camiñan pola cidade en lugar de "falar de transporte e tráfico que é o que se soe facer cando se intentan arranxar problemas na cidade". Destacou que a figura da peoa e do peón como un elemento de mobilidade a pé deixa de lado outras características das persoas, desexos, ambicións de actividades que estas desenvolven no espazo público e que se ven anuladas cando a circulación do automóbil se fai hexemónica fronte a outras funcións da rúa.

Indicou que para alcanzar unha boa transformación do espazo non é suficiente con ter solucións técnicas: "fai falta política, un liderado político, e sen dúbida apoio e unha sociedade convencida. A cidadanía ten que estar convencida e traballar, estar implicada na transformación. Hai que traballar coa teoría do taburete que debe ter as tres patas, técnica, política e social, para que calquera  medida teña éxito", salientou.

Mobilidade e espazo público, destacou, son temas de Estado, das Presidencias e Alcaldías e non un tema sectorial para levar en exclusiva desde o departamento de Mobilidade, Infraestruturas ou Obras ou Industria. "É un tema transversal que debe impulsarse desde as entidades con maior capacidade de coordinación e executiva. Estamos a falar dun dereito universal que é o de moverse libremente polas rúas que agora mesmo non se cumpre para unha gran parte da poboación, que se ve en situación de vulnerabilidade por como transformamos as cidades para adaptalas ao automóbil", insistiu.

En canto á Facultade Ágora puxo de manifesto que a formación das persoas que toman as decisión sobre como son as cidades é unha liña de actuación fundamental. "Precisamos persoas técnicas e políticas capacitadas e convencidas, dotadas de instrumentos e argumentos para dialogar coa sociedade para que cando teñan que implantar medidas que ao principio poidan parecer antipáticas ou que xeren rexeitamento, estas persoas que asumen as decisións, teñan coñecementos, boas prácticas, experiencias , para que entendan que non están sos, porque non están a facer ningunha loucura. Están a ir no bo camiño e facendo o que hai que facer para mellorar as cousas de aquí en diante" .

En canto á pandemia, Porto destacou que desde Madrid –onde traballa– non se percibe que a pandemia abrira os ollos sobre a necesidade de recuperar o espazo público xa que alí se fixeron moi poucas cousas, pero recoñeceu que noutras vilas tomáronse medidas urxentes.

Advertiu, en calquera caso, que o actual é un momento de risco porque hai tamén unha tendencia a unha maior utilización do vehículo privado e a unha saída ás aforas da cidade, a zonas de baixa densidade, "e iso, se volveramos atrás nunha das propostas de recuperar espazo público teriamos moi difícil recuperar. Hai que estar atentos para fixar folla de ruta e saber que parte de la vida que levábamos antes nos interesa e podemos permitírmonos e que outra non ten sentido e é en realidade parte da causa da crise que estamos a vivir", finalizou.

Pau Avellaneda. Mirar ao futuro sen medo ao electorado

Pau Avellaneda centrou a súa participación nos camiños escolares, un proxecto que está sobre a mesa ensaiado en moitos lugares, un deles no concello de Pontevedra e que ao seu entender é unha ferramenta útil para ir pacificando as cidades, que é o obxectivo básico. A partir de aí puxo as bases sobre o camiño escolar tradicional, falando tamén dalgunhas variantes que se van aplicando, os chamados camiños escolares de segunda xeración, cales son as súas vantaxes e desvantaxes e que achegan na reconfiguración do espazo público e a autonomía infantil.

Avellaneda aconsellou ás persoas políticas e técnicas que están a participar na Facultade Ágora a "que deixen de mirar ao pasado e miren cara ao futuro" porque advertiu que se non se cambian as cidades "vai ser francamente negro" polos problemas do cambio climático, de biodiversidade, e de cohesión social vencelladas ao non uso do espazo público, á expulsión da cidadanía do espazo público. "Iso é cara onde temos que mirar. Non teñamos medo. O electorado, se é o que preocupa, é moi intelixente, sabe apreciar estas ideas. Aí onde se tomaron medidas deste tipo, que van nesta liña mantivéronse. O caso seguro máis paradigmático é a propia Pontevedra, na que politicamente a cidadanía vota a contracorrente a nivel municipal con respecto a nivel autonómico ou estatal", destacou.

Tamén tivo palabras sobre a cultura do espazo público trala pandemia, sinalando que coa COVID-19 persoas da política e cidadanía déronse conta "de que non podíamos seguir por onde iamos": "O que fixo foi acelerar os procesos que xa estaban aí latentes en moitos concellos, pero que non se atrevían a poñer sobre a mesa. Hai unha explosión de iniciativas neste sentido porque non é que non estiveran, é que estaban no caixón agardando a oportunidade de saír. Esta é unha grande oportunidade".

Sobre a Facultade Ágora Avellaneda manifestou que se trata "dunha iniciativa francamente boa". Explicou que hai outras deputacións no Estado que fixeron iniciativas parecidas, algunhas con cursos, obradoiros, seminarios, xornadas… "pero indo tan á raíz do asunto, cun panel de relatores tan extraordinario como esta, e con este obxectivo claro de chegar tanto a persoas da política como a persoas técnicas non coñezo outra iniciativa parecida. A verdade paréceme marabilloso que tivera xurdido… E non me estraña que tivera xurdido en Pontevedra pola experiencia que ten dos últimos anos", finalizou.

Fotos

Audios

  • Audio
    Mateus Porto
  • Audio
    Pau Avellaneda
  • Audio
    Izaskun Chinchilla