Noticias

Iñaqui Carnicero: "O proxecto Ágora da Deputación de Pontevedra debe servir de revulsivo para contaxiar outras provincias e que entendan a importancia do espazo público de calidade"

O director de Axenda Urbana do Ministerio de Mobilidade participou hoxe na inauguración da Facultade Ágora, da que indicou que está aliñada coa Axenda Urbana Española


21 abril 2021
Inaguración Ágora

"Agardo que esta iniciativa tan importante, o proxecto Ágora e a Facultade Ágora, sirva de revulsivo para contaxiar outras provincias e que pouco a pouco cheguemos a un conxunto de cidades en toda España que entendan a transcendencia do espazo público". Así o manifestou hoxe o director xeral da Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero na conferencia inaugural da Facultade Ágora esta mañá, onde tamén aproveitou para eloxiar o ‘modelo Pontevedra'.

No acto, que deu o pistoletazo de saída oficial ás xornadas formativas sobre o espazo público para os concellos da provincia, estiveron presentes a presidenta, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, a representante da Rede de Cidades que Camiñan, Rocío Plasencia e o enxeñeiro e coordinador de contidos da Facultade, Fernando Nebot.

Segundo explicou Iñaqui Carnicero a Axenda Urbana Española é unha metodoloxía de traballo que pretende axudar aos municipios a facer un labor de diagnose en con parámetros como o uso racional do solo, a economía circular, a mobilidade sustentable, "para chegar a unha estratexia de cidade".

Por iso, salientou, "non dubidamos nin un minuto en apoiar esta iniciativa, xa que enseguida entendemos a súa importancia e o aliñada que estaba coa Axenda Urbana Española que estamos a impulsar desde o Ministerio de maneira importante". "A Facultade Ágora comparte o espírito da Axenda Urbana de transmitir coñecemento. E casos de éxito como o de Pontevedra, un caso que se coñece en todo o mundo, debe servir para contaxiar outros municipios, xa non só da provincia de Pontevedra, senón de toda España. Por iso queremos estar hoxe aquí", insistiu.

Así mesmo, Carnicero destacou que é importante falar de espazo público de calidade. "Hai que engadir esa palabra, calidade, porque non é suficiente con pensar que o espazo público é aquel espazo público residual ou intersticial entre os edificios construídos". Anunciou, de feito, que desde o Ministerio de Mobilidade Transportes e Axenda Urbana estase a traballar nunha nova Lei de Calidade da Arquitectura e a Contorna Construída que estará aprobada no primeiro semestre de 2022 para defender "o espazo público como un ben de interese xeral".

Avogou, así mesmo, porque o deseño de espazos públicos non se resolva con licitacións baseadas en baixas económicas. "Debemos pensar na calidade deses deseños da mesma maneira que non recorreríamos a persoal sanitario baseándonos nunha baixada do seu salario", puntualizou, para instar a comprender "a transcendencia e a importancia do espazo público, como afecta á nosa calidade de vida, á nosa saúde".

Pola súa banda, o ideólogo da Facultade Ágora, o deputado de Espazo Público Uxío Benítez, agradeceu a Iñaqui Carnicero a súa disposición para estar en Pontevedra e a colaboración amosada desde o Ministerio pola coincidencia e semellanza de Ágora cos obxectivos da Axenda Urbana.

Destacou que a proposta formativa da Deputación, a Facultade Ágora, xurde como unha necesidade de contribuír á formación e á reflexión do espazo público como un dereito da cidadanía desde unha perspectiva multidisciplinar co compromiso e misión final de "incrementar de xeito substancial o espazo público para as persoas de aquí a 2023 nos concellos da provincia". Afirmou tamén que a Facultade é "un proxecto en construción" e que está aberta a incorporacións e á exportación de coñecemento.

Na xornada inaugural asistiron as e os máis de 210 alumnas e alumnos inscritas, que seguirán ata o mes de novembro deste ano o curso formativo que contará con profesores de nivel internacional da talla de Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París; Zaida Muxí, especialista en urbanismo con perspectiva de xénero, ou o autor da obra Cidades para a xente, Jan Gehl.

Este venres continuarán as charlas co seminario ‘A cidade dos 15 minutos no territorio disperso', no que ademais de Carlos Moreno estará Isabela Velázquez, Rubén Camilo Lois e Valerio González como profesores.

Un espazo potente de reflexión

A presidenta provincial, Carmela Silva, salientou que a Facultade Ágora é un paso máis da Deputación na aposta pola mobilidade sostible para a recuperación do espazo público que iniciou hai xa seis anos cun "modelo claro e diferente, baseado nas persoas". Un discurso que, como sinalou na presentación, xa se ten convertido "no imperante na provincia". "Hoxe non escoito a ningún alcalde ou alcaldesa non defender que o deseño urbano do espazo público ten que estar pensado para ser recuperado –indicou–. E nós somos unha referencia como provincia. O mundo o moven as ideas e ter claro que queres facer e como queres transformar. E na actual situación de pandemia onde se está a falar dun novo modelo económico e social, o espazo público ten que ser o centro das decisións, porque todo acontece nel".

Ágora, esa "aposta valente" vaise encher de contidos, como engadiu a presidenta con esta nova iniciativa. "Creo que esta Facultade Ágora é unha extraordinaria idea e que non hai ningún espazo en toda Galicia e o Estado español tan potente de reflexión, de proposta e de dinamización do cambio e transformación que se precisa. Porque imos poder escoitar a persoas relatoras de altísimo nivel que van analizar o espazo público como lugar de vida e que nos van permitir ter coñecementos para tomar decisións intelixentes –explicou–. Isto non é teoría, senón que se quere aplicar para recuperar pobos, vilas e cidades e converternos nunha referencia". Carmela Silva destacou tamén neste ambicioso proxecto a paridade no elenco de persoas relatoras, "con homes e mulleres participando para ese cambio, que xera actividade económica, que xera que poidamos socializar, e loitar contra o cambio climático e construír cidades medioambientalmente sostibles, que permite que todas as persoas teñamos igualdade na participación do espazo e permite que a cultura encha todos eses espazos".

Por último, engadiu que este instrumento vai proporcionar ideas co obxectivo de que cheguen non só á provincia, "senón a toda Galicia, ao Estado e nos convertamos nun país que sexa unha referencia da Axenda Urbana e a Axenda 2030 de recuperación do espazo público". "Esta provincia xa non hai quen a coñeza –asegurou– pero nos vindeiros anos, despois de oito dun cambio radical de modelo, non a vai recoñecer ninguén. E iso será o que levaremos na nosa mochila, que é que fomos facedores e facedoras do cambio. Temos que construír un mundo mellor para a xente que puxo a confianza en nós".

Obxectivo final: vivir mellor

O vicepresidente, César Mosquera, participou tamén na xornada inaugural de Ágora, onde destacou que no caso do concello de Pontevedra, pioneiro en poñer en marcha unha transformación urbana centrada nas persoas, unha "revolución humanista", a motivación central para o cambio foi "vivir mellor en Pontevedra".

"Que despois nos viran como unha referencia e nos chamaran de Nova Iorque, de China, Suecia… de todas eses lugares, quere dicir que hai un problema moi grave nas cidades. Hai que aprender do que se fixo ben e mal", explicou, para engadir que por iso a Facultade Ágora é unha iniciativa "absolutamente" necesaria e fundamental, "porque sen esa formación, coñecemento de fracasos e acertos e adaptacións os cambios que se fagan nas vilas non van funcionar e córrese o risco de rebentalas".

Finalmente, na inauguración estiveron Rocío Plasencia, da Rede de Cidades que Camiñan –encargada da organización técnica da Facultade–, que puxo sobre a mesa as coincidencias de ‘Ágora' coa filosofía da entidade. Fernando Nebot, pola súa banda, que o impulso político é esencial desde a concepción en toda intervención no espazo público e que coa materialización da actuación non se consegue a culminación da intervención, senón que iso só acontece cando é asumida e gozada polas persoas na súa vida diaria.

Despois do acto inaugural, Iñaqui Carnicero asinou no Libro de Sinaturas da Deputación de Pontevedra, e participou nunha visita á cidade acompañado de representantes da entidade provincial e tamén do Concello de Pontevedra.

Fotos

Vídeos

Audios

  • Audio

Novas relacionadas