Noticias

As ofertas das construtoras rebaixan ata un 24 % o prezo de licitación da obra da avenida Luis Rocafort en Sanxenxo

O vicepresidente, Mosquera, asegurou hoxe que é fundamental facer correctamente os trámites administrativos para evitar reclamacións


11 xaneiro 2017
obras

As ofertas das construtoras que aspiran a realizar a mellora da avenida de Luis Rocafort en Sanxenxo rebaixan entre un 24 % e un 5 % o prezo inicial de licitación. Así o coñeceu esta mañá a mesa de contratación da Deputación, que abriu os sobres coas propostas económicas das 18 empresas que quedaban en liza para executar a obra.

A oferta máis económica foi de 1.242.196,35 euros e a máis alta de 1,568.220,5 euros sobre unha base de 1.650.759.28 euros orzados inicialmente polos técnicos provinciais. Con estes datos garantiuse que ningunha das firmas aspirantes presentase unha baixa temeraria. O seguinte paso administrativo antes da adxudicación final será a redacción dun informe de avaliación conxunta das ofertas técnicas e económicas para propoñerlle á Xunta de Goberno a alternativa máis favorable. Despois a empresa terá que presentar as garantías de solvencia, asinar o contrato e presentar a acta de replanteo dos traballos.

Logo de ser preguntado sobre a obra de mellora da avenida Luis Rocafort, o vicepresidente, Mosquera, asegurou hoxe que a resolución da mesa de contratación é un trámite administrativo que é fundamental facer ben, co que non debe haber présa. "Igual queres apurar –na burocracia– e de repente engánaste nun detalle, preséntanche unha reclamación, e perdes seis meses… Por iso é prioritario que se faga ben. Está todo en marcha e o fundamental é que esa obra vai levar unha calidade como se merece a zona", subliñou.

En relación aos prazos de inicio e execución, así, insistiu en que "non hai maneira de facer predicións" xa que todo depende do prazo no que finalicen os mencionados trámites burocráticos. De feito, indicou que só cando estea adxudicada a obra se poderá falar das posibilidades coa empresa e co Concello de Sanxenxo. "Se non está para o verán, empézase despois do verán ou cando sexa… Obviamente as obras teñen as súas molestias. Gustaríanos que estivesen feitas antes de empezar… pero non. Hai que esgotar todos os trámites. O de hoxe é un trámite moi importante e unha vez estea a obra adxudicada será cando se poida xogar cos prazos. Antes é absurdo", subliñou.