Noticias

A Deputación e o Concello de Sanxenxo selan o acordo para a reforma da avenida Luis Rocafort en Sanxenxo

A institución provincial aportará máis de 1,1 millóns de euros para transformar a rúa nun referente de mobilidade e calidade urbana


28 abr 2016
Luis Rocafort

Os prazos anunciados polo novo goberno da Deputación para a reforma integral da avenida de Luis Rocafort estanse a cumprir escrupulosamente. No día de hoxe a presidenta Carmela Silva, acompañada polo deputado responsable do proxecto, Uxío Benítez, asinou co alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, o convenio para levar adiante as obras que transformarán a rúa nun referente de mobilidade e calidade urbana. Nas vindeiras semanas iniciarase a contratación dos traballos e agárdase que o próximo verán os veciños e turistas da vila do Salnés poidan xa utilizar un espazo público no que as persoas, e non os coches, serán as protagonistas.

A presidenta Carmela Silva quixo deixar claro na súa primeira visita institucional ao Concello de Sanxenxo que os gobernos locais son os protagonistas para o goberno provincial. "A Deputación ponse ao lado dos concellos para desenvolver proxectos fundamentais como a avenida de Luis Rocafort. Estou satisfeita de que o deputado da área e o alcalde foran quen finalmente de resolver as serias dificultades que plantexaba o anterior proxecto, porque cando as obras estean rematadas será extraordinario pasear dun extremo ao outro da rúa, porque esta avenida é máis que unha infraestrutura, é a conexión co corazón de Sanxenxo. É a porta pola que entran os visitantes e o espello no que se ten que mirar a provincia para ensinarse", subliñou.

Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo agradeceu o esforzo realizado pola Deputación para levar adiante a obra da estrada incorporando importantes melloras de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria e ampliando a actuación a todo a vía, a diferencia do recollido no proxecto inicial da anterior Corporación. "A Deputación asumiu que esta avenida é clave para Sanxenxo, e temos que estar moi agradecidos de que a reforma sexa unha realidade sen que o Concello teña que poñer un euro máis a pesar de todos os cambios feitos", explicou. A intención, segundo asegurou, é entregar toda a documentación dependente da parte do Concello nos vindeiros días para que se poida iniciar a contratación do proxecto.

Melloras

O novo proxecto para a avenida Luis Rocafort conlevou un grande incremento do orzamento. A institución provincial pasará de aportar 606.000 euros a achegar máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70% da inversión total na rúa (1,65 millóns de euros). 

A Deputación tomou a decisión de correxir e aumentar o proxecto inicial de Luis Rocafort para subsanar graves deficiencias en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria, así como para renovar o saneamento, que non estaba contemplado. Hai que lembrar que a Deputación de Pontevedra aprobou recentemente en Pleno un decálogo de criterios para actuar nas vías provinciais no que se estable que calquera actuación na rede de estradas de titularidade provincial debe ter como filosofía máxima garantir tránsitos peonís seguros en convivencia co tránsito rodado. O novo proxecto para Luis Rocafort, redactado no departamento provincial de Mobilidade polo arquitecto Jesús Fole cumpre puntualmente eses criterios e mellora sensiblemente a calidade urbana prevista inicialmente.

As novas beirarrúas terán largos de entre 2,5 e ata seis metros, limitarase a velocidade a 30 quilómetros hora, instalaranse máis de 60 luminarias para garantir a seguranza viaria (no proxecto inicial prevíanse 14), construiranse cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, colocaranse estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio cento de palmeiras, entre outras melloras. Outra das novidades que xa explicou no seu día Uxío Benítez é que se urbanizará a totalidade da vía, incluíndo a conexión coa PO-308: actuarase en 100 metros máis de lonxitude (575 metros lineais) e en 12.381 metros cadrados de superficie fronte aos 9.416 metros iniciais.