Noticias

A mesa de contratación da Deputación coñecerá mañá as ofertas económicas para realizar as obras de Luis Rocafort

Foron rexeitadas dúas das 21 empresas presentadas por non cumprir coas condicións técnicas do prego


10 xaneiro 2017
Luis Rocafort

A mesa de contratación da Deputación de Pontevedra coñecerá mañá mércores as ofertas económicas presentadas para realizar as obras de Luis Rocafort en Sanxenxo. O prezo de licitación dos traballos é de 1.650.759,28 euros, pero agárdase que se produzan rebaixas, que se informarán por parte dos servizos técnicos do departamento de Mobilidade para eliminar as baixas "temerarias" ou non xustificadas.

Coa apertura do sobre C (ofertas económicas) o procedemento de contratación das obras de mellora da avenida Luis Rocafort entra na súa fase final. Durante as últimas semanas o xefe dos servizos técnicos de Mobilidade avaliou a documentación técnica de cada unha das 21 empresas presentadas, descartando dúas delas por non cumprir coas condicións establecidas no prego. Este informe técnico, que tamén se coñecerá mañá, valorou diferentes aspectos do programa da obra, coma a memoria descritiva do proceso de realización dos traballos (máximo 8 puntos), o programa de traballo (ata 16 puntos), equipo de traballo (ata 8 puntos), plan de control de calidade e actuacións ambientais (ata 7 puntos) e propostas de seguridade e saúde no traballo (ata 5 puntos).

Unha vez coñecidas pola mesa de contratación as puntuacións do sobre técnico e as propostas económicas, realizarase unha valoración conxunta e farase unha proposta de adxudicación á Xunta de Goberno da Deputación, que deberá ratificala. Logo, a empresa elixida deberá presentar as garantías do contrato para formalizar a licitación. Unha vez os trámites burocráticos estean listos procederase ao replantexamento da obra e iniciarase a execución.  Os prazos reais de inicio e realización da obra serán acordados, no seu momento, de xeito consensuado co Concello de Sanxenxo.

Cómpre lembrar que entre as empresas que se presentaron para conseguir a contrata hai tanto firmas galegas de construción que optan á obra de xeito independente ou constituídas en UTE coma outras compañías de maiores dimensións coma Obrascón-Huarte-Laín (OHL), Dragados ou Elsamex.

As obras da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo executaranse grazas ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo. A Deputación de Pontevedra asumiu a mellora da rúa e a ampliación do ámbito de actuación, así como o financiamento do sobrecusto derivado, pasando de achegar 606.000 euros a achegar máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70 % do investimento total.  

O departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez tomou a decisión de corrixir e aumentar o proxecto inicial de Luis Rocafort –contratado pola anterior Corporación provincial– para paliar graves deficiencias que presentaba en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria, así como en saneamento.