Noticias

As "Barbies" da exposición "Rompe. Xoga en Igualdade" da Deputación chega a Lalín para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista

A mostra foi inaugurada pola deputada provincial Digna Rivas, e por ducias de nenas e nenos no vestíbulo da casa do concello onde poderá verse ata o vindeiro 15 de outubro


13 setembro 2018
Exposición Rompe. Xoga en Igualdade en Lalín

A deputada provincial, Digna Rivas, inaugurou este mediodía, no vestíbulo da casa do concello de Lalín, a exposición "Rompe. Xoga en Igualdade", que poderá visitarse ata o vindeiro día 15 de outubro. A deputada estivo acompañada por concelleiras e concelleiros do Goberno municipal e polas artistas creadoras da exposición, Isabel Blanco e Irene Silva, ademais de ducias de nenas e nenos de sexto de primaria do CEIP Xesús Golmar. A mostra está protagonizada polas bonecas "Barbie", que foron intervidas para amosar situacións de desigualdade, discriminación e violencia que aínda hoxe, en pleno século XXI, seguen a sufrir as mulleres desde pequenas.

Rivas lembrou que hoxe en día é preciso "reivindicar que as mulleres non somos cidadás de segunda, cada vez temos que loitar máis polos nosos dereitos, porque somos a metade da poboación e temos dereito absolutamente a todo igual que os homes". Tamén fixo especial fincapé en que "non todo en materia de igualdade está conseguido. Todo o contrario. Hoxe en día parece que estamos retrocedendo".

"Rompe. Xoga en Igualdade" chega a Lalín, tal e como explicou a deputada Rivas, para "chamar a atención e amosar que estas bonecas irreais son mentira totalmente, non existen na realidade" e que ademais, son bonecas intervidas para "amosar as situacións de desigualdade que vivimos aínda hoxe, son imaxes coas que queremos romper e concienciar". A deputada sinalou que esta iniciativa é unha máis das postas en marcha desde a área de Igualdade, creada polo Goberno de Carmela Silva en 2015, "porque ao chegar á Deputación démonos conta de que era un Servizo absolutamente preciso na actualidade, xa que as políticas de igualdade deben terse en conta en todos os ámbitos de actuación das administracións".

Esta innovadora exposición consta de 18 paneis e vitrinas con bonecas "Barbies intervidas" que amosan situacións cotiás de desigualdade. As artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, explicaron que a boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas e nenos en todo o mundo pero que, ao tempo, transmite valores sexistas e presenta a unha muller obxecto. Deste xeito, interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico e poético, e por iso, diante de cada peza hai un martelo co fin de trasladar a idea de romper con esa situación.

"Rompe. Xoga en Igualdade" poderá visitarse no vestíbulo do concello de Lalín ata o 15 de outubro. Estará aberta ao público de luns a venres en horario de 9 a 15 h.