Noticias

A exposición "Rompe. Xoga en igualdade" chega ao IES de Poio para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista

A mostra está composta por 18 paneis cheos de "poesía visual" que poderán visitarse desde mañá ata o 16 de novembro


21 outubro 2018
Rompe e Xoga en Igualdade

A deputada Chelo Besada e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, inaugurarán este luns 22 de outubro, ás 11:30 horas, no vestíbulo do IES de Poio, a exposición "Rompe. Xoga en igualdade", que poderá visitarse ata o vindeiro día 16 de novembro. Nesta ocasión a mostra estará protagonizada por 18 paneis cheos de "poesía visual" que servirán para concienciar aos mozos e mozas do IES do concello da necesidade de rachar coa violencia machista. No acto tamén participarán as artistas creadoras da exposición, Isabel Blanco e Irene Silva.

A mostra, que foi posta en marcha por Isabel Blanco e Irene Silva e que conta con fotografías de Noemí Chantada, está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. As artistas creadoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, explicaron que a boneca protagonista da exposición foi seleccionada por tratarse da máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas e nenos en todo o mundo pero que, ao mesmo tempo, transmite valores sexistas e presenta a unha muller obxecto. Deste xeito, interviñeron as bonecas para romper e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes e concienciar á sociedade para que se poña fin á discriminación e á violencia machista. Trátase dunha mostra cun importante valor simbólico e poético.

"Rompe. Xoga en igualdade" poderá visitarse no vestíbulo do IES de Poio ata o 16 de novembro. Estará aberta ao público de luns a venres de 9 a 14 horas.