Noticias

A quinta edición do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero" chega este mércores a Lalín coa acción poética de Silvia Penas

Tras o seu paso por Vigo e Pontevedra, o programa da institución provincial viaxa ata a comarca de Deza co poemario Fronteira paraíso, da propia Silvia Penas


17 decembro 2019

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e a concelleira de Igualdade, Begoña Blanco, asistirán este mércores, no concello de Lalín, á terceira acción da quinta edición do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero", que se estreou en novembro en Pontevedra e Vigo.

Nesta ocasión a protagonista será Silvia Penas, que levará a cabo una acción poética baseada no seu poemario Fronteira paraíso, que publicou este 2019. Será unha actuación sonora e visual a través da palabra, pero tamén da música e doutros recursos de audio, escénicos e de videoarte.

Licenciada en Filoloxía Galega, Silvia Penas colabora como docente do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (Concello de Vigo) na área de spoken word, dada a súa traxectoria na poesía escénica. Como poeta foi galardoada en diversos certames, coma o Premio de Poesía da Universidade de Vigo 2005 co poema en cinco partes titulado Neste bosque. En 2010 publicou, en coautoría con Elvira Riveiro, o poemario Biografía da multitude, co que conseguiron o premio Victoriano Taibo 2009. En abril de 2013 publicou As uñas crecen, poemario gañador do certame de poesía Manuel Lueiro Rey.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición comezou en novembro de 2019 e, coma a anterior, terá lugar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).