Noticias

Máis de 500 mulleres comezan esta semana 30 accións formativas do programa "Conectadas"

Os obradoiros de igualdade da Deputación de Pontevedra serán desenvolvidos en 23 concellos da provincia


06 outubro 2019
Conectadas

O programa da Deputación de Pontevedra "Conectadas" 2019 continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a apoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, desde este luns, 535 mulleres pertencentes a asociacións de 23 concellos pontevedreses comezan 30 cursos. En liñas xerais, a través desta iniciativa da institución provincial, está previsto que participen 4.000 mulleres de 53 concellos.

Mañá, luns 7 de outubro, dan comezo 16 obradoiros en diferentes partes da provincia. En Caldas de Reis empeza Iniciación á Costura, que contará coa participación de 16 persoas pertencentes á Asociación de Veciños Raigame e que se desenvolverá no Centro Social As Goletas de Saiar, os luns, entre as 18 e as 21 horas ata o 23 de decembro.

Campo Lameiro será escenario da acción formativa Artesanía en Coiro, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais A Chanciña e con data de finalización programada para o 7 de xaneiro de 2020. Neste obradoiro, que terá lugar os luns, entre as 17.00 e as 19.30 horas, daranse cita un total de 15 persoas.

Por outra banda, 22 integrantes da Asociación Muíños do Vento, de Catoira, comezarán tamén este luns o curso Ximnasia de Mantemento, que terá lugar no Multiusos de Catoira, os luns e os mércores,entre as 18.15 e as 19.15 horas ata o 29 de xaneiro.

Na Estrada, 17 integrantes da Asociación de Veciños de Frades comezan a acción formativa Mantemento do Fogar e Xestión Doméstica, que será os luns, de 18.00 a 20.30 horas, ata o día de remate do curso, o 13 de xaneiro.

Así, na Guarda, a Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Santa Tecla comezará este luns un obradoiro Risoterapia que conta con 19 inscritas e inscritos. Este desenvolverase, os luns e xoves, con horario de 16.30 a 18.30 horas, e rematará o 2 de decembro.

No concello de Meaño tamén comezará unha acción este luns. Baixo o título Conservación de Alimentos, Conservas Artesanais daranse cita 24 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira de Dena. Este curso terá lugar os luns, e rematará o 13 de xaneiro do vindeiro ano.

Alfabetización Dixital II: Internet, Correo Electrónico, Manexo da ‘Tablet', Teléfono Intelixente... será un curso que comezará en Meis. Nel participarán un total de 17 persoas da Asociación de Mujeres Rurales Os Pazos. A acción formativa terá lugar, os luns e venres, ás 19.30 e ás 21.30 horas, e a data de finalización está prevista para o 9 de decembro.

Oia, pola súa banda, será o escenario de Risoterapia, un obradoiro no que están inscritas 18 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Amurga. Así, este curso desenvolverase os luns, entre as 17 e as 19.30 horas, ata o 13 de xaneiro.

En Ponteareas, 15 integrantes da Asociación Cultural San Mateo gozarán dun obradoiro denominado Pintura, que comezará este luns, e rematará o 23 de decembro. O curso desenvolverase os luns, entre as 17 e as 20 horas, no Salón da Casa Cultural de San Mateo de Oliveira.

15 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Marcón de Pontevedra comezan tamén este luns o obradoiro Alfabetización Dixital II: Internet, Correo Electrónico, Manexo da ‘Tablet', Teléfono Intelixente... na Casa Parroquial de Marcón. Este curso será os luns e venres, entre as 16.30 e as 18.30 horas, e rematará o 9 de decembro. O Centro Cultural de Cedeira, en Redondela, acollerá este mesmo curso con 15 integrantes do Centro Social Cultural Recreativa de Cedeira. Así, este desenvolverase os luns, entre as 19.30 e as 22.00 horas, ata o 23 de decembro.

A Asociación de Mulleres Rurais Salvaterra de Miño Tempo Gañado comeza un obradoiro de Ioga con 16 participantes. A acción formativa, que será no Centro Cultural San Roque os luns, entre as 18 e as 20 horas, rematará o 17 de febreiro do vindeiro ano.

En Soutomaior, a Asociación Veciñal e Cultural de Moreira organiza o obradoiro Coidados DEP II, que conta con 15 persoas matriculadas. Este curso desenvolverase os luns, entre as 16.30 e as 18.30 horas, e rematará o 3 de febreiro de 2020. En Vilagarcía de Arousa, por outro lado, comeza tamén o luns Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables da man da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras de Trabanca Sardiñeira Vilagarcía. O curso, que conta con 24 inscritas, será os luns, de 17 a 19 horas, e finalizará o 23 de decembro.

Finalmente, tamén o luns comezan en Vigo 2 obradoiros. O primeiro, Pilates, que contará coa presenza de 18 integrantes da Asociación de Viúdas Demócratas de Vigo, será os luns e xoves, entre as 17 e as 18 horas, e finalizará o 30 de xaneiro. A Asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, pola súa banda, organiza Socializándose coas Redes: Facebook, Twitter, Blogs..., un obradoiro que contará con 18 persoas e que se desenvolverá, os luns e mércores, entre as 10 e as 13 horas, ata o 13 de novembro.

O martes, 8 de outubro, pola súa banda, darán comezo sete novas accións formativas cun total de 133 participantes. Deste xeito, en Cambados, 21 integrantes da Asociación Mulleres Rurais de Castrelo As Saiñas comezarán Iniciación ó Patchwork, un curso que se desenvolverá os martes, entre as 19.00 e as 21.30 horas, ata o 21 de xaneiro.

A Asociación Veciñal Santa María de Pazos, en Pazos de Borbén, organiza o obradoiro Ximnasia de Mantemento, que terá lugar no Centro Cultural de Pazos, os martes de 17.00 a 19.30 horas, e finalizará o 25 de febreiro de 2020. Deste modo, o número de persoas que participarán nesta acción ascende a 15.

Ponte Caldelas, pola súa banda, contará cun obradoiro Pilates a cargo da Asociación Mujeres Rurales Aires del Norte y Olé. Nel participarán 25 persoas, que se reunirán, os martes e venres, de 20.30 a 22 horas, ata o 3 de xaneiro. En Pontevedra, ademais, comeza o martes un obradoiro Mindfulness, organizado pola Asociación Española Contra el Cáncer, que conta con 22 persoas inscritas. Deste modo, o curso impartirase os martes e os xoves, entre as 16.30 e as 18.30 horas, e rematará o 17 de decembro.

16 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais do Concello de Portas comezan este martes Ximnasia de Mantemento, que terá lugar os martes e xoves, entre as 18.30 e as 20.00 horas, no polideportivo de Romai. Así, a data de finalización desta acción formativa está prevista para o 19 de decembro.

Sanxenxo será tamén escenario dun obradoiro do programa "Conectadas" denominado Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, que contará con 18 integrantes da Asociación Española Contra el Cáncer de Sanxenxo. Esta actividade será os martes de 19 a 22 horas, e rematará o 17 de decembro. Por último, esta acción formativa tamén terá lugar no concello de Vigo da man da Asociación de Mujeres Lúa de Bembrive. Desta forma, en Bembrive as e os 16 participantes deberán acudir ó Centro Sociocultural de Bembrive, os martes de 17 a 20 horas.

O mércores 9 de outubro darán comezo outras dúas accións formativas. En Meis, a Asociación Mulleres Rurais O Marco de San Salvador organiza o obradoiro titulado Conservación de Alimentos, Conservas Artesanais, que se desenvolverá os mércores, entre as 20.30 e as 23.00 horas, con 17 inscritas e inscritos. Con todo, o curso rematará o 15 de xaneiro de 2020. Vigo acollerá o obradoiro Iniciación ó Patchwork, que contará con 15 participantes da Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Lavadores. Este curso terá lugar os mércores, entre as 17 e as 19.30 horas, e rematará o 22 de xaneiro.

O xoves 10, tamén comezarán dous novos cursos. En Lalín, 17 integrantes da Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda inician o curso Pintura. Así, este obradoiro terá lugar o xoves, entre as 20.00 e as 22.30 horas, e rematará o 9 de xaneiro. A Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda, pola súa parte, organiza o curso Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables, que contará con 15 participantes e que se desenvolverá os xoves, entre as 20.00 e as 22.30 horas, ata o 2 de xaneiro.

Por último, o día 11 de outubro será o primeiro día para tres novos cursos. No concello de Crecente, 16 persoas da Asociación Veciñal da Parroquia do Freixo participará no obradoiro Bricolaxe e Reparacións no Fogar, que se desenvolverá os venres, entre as 17 e as 20 horas, ata o 11 de decembro, día de finalización da acción formativa.

Vilagarcía de Arousa acollerá o curso Pilates da man da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Abelaíña, que terá lugar no local da asociación os venres, entre as 18.30 e as 19.45 horas. Deste xeito, o obradoiro rematará o 24 de xaneiro e contará coa presenza de 16 participantes. Finalmente, tamén en Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Mulleres do Rural O Magnolio comezará Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables con 15 inscritas. A actividade terá lugar os venres, de 17 a 20 horas, e rematará o 26 de decembro.

"Conectadas" 2019 trátase dun programa provincial que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Ademais, esta iniciativa tamén busca favorecer as relacións interpersoais e intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, así como reducir a brecha dixital.  Este programa está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento feminino e a consecución da igualdade de mulleres e homes.