Noticias

Aposta sen precedentes da Deputación de Pontevedra pola comarca de Deza, cun investimento de case 41 millóns de euros en catro anos

O deputado Carlos Font criticou a actitude do alcalde de Rodeiro, Luis López, que recibiu un investimento inédito na vila. "A súa queixa sobre a Deputación é puro partidismo"


03 decembro 2019
Carlos López Font

A Deputación de Pontevedra despregou un volume de investimento histórico en Deza ao longo dos últimos catro anos, superando os 40,7 millóns de euros e alcanzando os 1.016,79 euros de investimento medio por habitante. Así o destacou hoxe o deputado provincial, Carlos Font, quen animou a comparar estas cifras co último mandato do PP á fronte da Deputación.

Nunha comparecencia celebrada en Lalín, e acompañado do deputado Manuel González e das deputadas Ana Laura Iglesias e Noemí Outeda, Carlos Font deulles resposta ás declaracións do portavoz popular na Deputación, Jorge Cubela, e do alcalde de Rodeiro e deputado provincial, Luis López, quen hai apenas uns días acusaron á Deputación, "sen ofrecer un só dato", de marxinar a Deza e de non paliar o despoboamento do rural. Font amosouse "sorprendido" polo que cualificou como "mentiras que se desmontan con datos" e ofreceu un amplo repaso das actuacións da Deputación nos últimos catro anos "porque os números o din todo".

Despois de resaltar que a Deputación lle transfire un 30 % dos seus Orzamentos xerais aos concellos da provincia (cifra récord en toda España, dado que a media das deputacións é dun 16 %), subliñou que só o Plan Concellos supuxo unha transferencia de 21.357.499,84 euros para Deza no período entre 2015 e 2019. Agolada recibiu 2,1 millóns; Dozón, 1,5 millóns; Lalín, 7,3 millóns; Rodeiro, 2,5 millóns; Silleda, 4,7 millóns e Vila de Cruces, 3,1 millóns. Alén diso, o Plan Concellos, que se estrutura en tres liñas diferentes, impulsou 167 obras e 67 actuacións de amortización de préstamos e pago de débedas, co que xerou 386 empregos directos nos seis concellos da comarca.

"Os únicos carteis de obra que se ven en Deza son da Deputación", destacou López Font. "O que non se ve son carteis da Xunta". O deputado engadiu que, sen dúbida, os últimos catro anos responden a un investimento provincial sen precedentes en todos os ámbitos, como demostra tamén a concesión de obras dos sucesivos plans de reequilibrio cos que o Goberno de Carmela Silva corrixiu o castigo do anterior Goberno provincial a varios concellos. Así, lembrou que a Deputación outorgou 2,4 millóns de euros entre o PICEI de 2016, o Plan de Reequilibrio 2017-2018 e o Plan DepoRemse, investimentos dos que se beneficiaron Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Estas obras permitiron a mellora do pavillón e o ximnasio municipais de Rodeiro, a segunda fase das obras no campo de fútbol de Bandeira e a mellora da mobilidade e seguranza viaria tanto en Silleda coma no contorno do colexio, a gardería e o polideportivo de Vila de Cruces.

O deputado Font invitou a Cubela e a López a comparar con criterios obxectivos os 40,7 millóns totais investidos pola Deputación en todos os concellos da comarca co clientelismo da Xunta. Así, definiu os intereses da Xunta na zona como "o triángulo das Bermudas formado por Lalín, Cerdedo-Cotobade e A Estrada", e engadiu, "porque basta ver os Orzamentos autonómicos de 2020 para decatarse de que para Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Forcarei e Rodeiro non hai nada". Ao seu xuízo, é evidente que a Xunta esquiva os concellos nos que hai outra "cor política", "pero o sorprendente é que Rodeiro tampouco figura e queda ‘ninguneado'". Por este motivo, aconsellou o seu alcalde que se preocupe de defender o seu concello diante da Xunta de Galicia "en lugar de andar de palmeiro de Cubela".

Carlos Font detívose especialmente no concello de Rodeiro e lembrou que recibiu xa 3,6 millóns de euros da Deputación desde que Carmela Silva é presidenta, unha cantidade moi superior aos 981.224 euros que lle corresponderon no último cuadrienio de Louzán, "unha diferencia de 2,7 millóns de euros co anterior ‘goberno amigo do PP', o que fai máis incribles as queixas do seu alcalde". "Non hai ningunha actuación de relevancia en Rodeiro que non leve o nome da Deputación de Pontevedra", concluíu.

Non obstante, amosouse moi crítico coa capacidade de xestión do alcalde rodeirense para darlles uso aos recursos do Plan Concellos. Así, destacou que nas obras de urbanización da praza de Oseira a Deputación tivo que facer varios requirimentos para corrixir o proxecto e se tardou 9 meses en darlle unha solución. A día de hoxe, un ano despois, a obra continúa sen certificarse. Ao respecto da anualidade 2019 do Plan Concellos, indicou que todos os proxectos entraron na Deputación no límite do prazo e que, agás a pavimentación no lugar de Baroncelle, a finais de ano non hai ningunha certificación presentada.

O deputado amosouse molesto coas acusacións de Cubela e López de que a Deputación non fai nada por frear o despoboamento rural. Puxo de manifesto que as políticas máis efectivas para fixar a poboación están en mans da Xunta e se refiren a cousas coma a adecuada financiación do servizo de axuda no fogar, a cobertura médica nos Centros de Saúde, a boa depuración das augas ou un mantemento integral das estradas autonómicas, e ningunha desas cousas se dá en Deza. "Rodeiro é un bo exemplo de desleixo no mantemento dos servizos públicos autonómicos básicos", engadiu. Finalmente, afeoulle ao alcalde de Rodeiro que prefira acompañar a Jorge Cubela nos seus "tours mediáticos de promoción persoal" en lugar de dedicarse a aprobar os Orzamentos municipais que, cando menos, hai dous anos que se prorrogan.

A comparecencia incluíu tamén unha crítica directa ao alcalde de Cerdedo-Cotobade e portavoz do PP na Deputación, a quen puxo como exemplo contrario do que debería ser un modelo autonómico de financiamento regrado para os concellos. "Está superdopado pola Xunta do PP en agradecemento a aquela operación de fusión de concellos para tratar de controlar o Goberno da Deputación que lles saíu mal". Font lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2020 lle asignan a Cerdedo-Cotobade, con 5.000 habitantes, practicamente o mesmo que a Lalín, o único concello de Deza con recursos incorporados.

Finalmente, Font destacou que a Deputación repartiu os 40,7 millóns que lle corresponderon a Deza nos últimos catro anos en plans obxectivos e taxados e en actuacións que primaron necesidades reais nos seis concellos, con independencia do signo político da súa alcaldía. Destacou que, á marxe do Plan Concellos, se destinaron 4 millóns de euros para o Plan de Emprego 2015, os préstamos sen xuros, os compromisos xa cumpridos no Viveiro de Empresas de Lalín, a reposición de céspede no Camballón, a doazón de materiais de espazos públicos, a iluminación exterior led para Dozón, Rodeiro e Silleda, a adaptación de puntos limpos, a reparación de instalacións deportivas e a subministración de material e o programa Degusta Europa.

Nas áreas de Emprego e Formación creáronse 80 postos de traballo (ademais dos 386 do Plan Concellos) a través dos plans de emprego de prácticas laborais. Na área de Cohesión Social investíronse 1,4 millóns en actividades que mobilizaron máis de 5.600 veciñas e veciños. Na área de Mobilidade empregáronse 3,8 millóns en 72 actuacións para desbrozar e pintar 470 km de vías provinciais e instalar 15 elementos de calmado de tráfico, entre outras actuacións. Esta mesma semana saíron a licitación a mellora do firme da estrada EP-6302 (Berredo-Brántega), en Agolada, por 435.744,95 euros, e na EP-6204 (Portela-Antas de Ulla), en Rodeiro, por valor de 220.826,64 euros. Tamén están en estudo as obras da estrada Soutelo de Montes-Covas (Forcarei) e Agolada-As Cruces.

Na área de Igualdade mobilizáronse 280.000 euros en 260 accións, que chegaron a máis de 5.000 persoas. Na de Deportes investíronse 325.000 euros en subvencións a 55 clubs e creáronse 400 prazas nas escolas deportivas. En Medio Ambiente o gasto ascendeu a 1,3 millóns de euros, cos que se efectuaron 33 operacións de mantemento de campos de fútbol, se lles outorgaron subvencións ás cooperativas gandeiras e se apoiou a fundación Semana Verde de Galicia con 150.000 euros anuais. Para rematar investíronse 672.000 euros en Cultura, 157.000 euros en Novas Tecnoloxías e, finalmente, 633.832 euros en Turismo.

Fotos