Noticias

O Goberno de Carmela Silva destinou 32,7 millóns de euros aos concellos de Deza en 3 anos , "o maior investimento na comarca da historia da Deputación"

"Nesta dación de contas á cidadanía non vimos con "palabrería", vimos con feitos e números relatados ao céntimo que se poden cotexar. Non hai administración que investira máis que nós"


07 novembro 2018
Almorzo informativo en Deza

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe nunha comparecencia no pazo de Liñares de Lalín que a institución provincial investiu nos tres anos do actual Goberno provincial 32,7 millóns de euros (32.719.586,53) nos concellos de Deza: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. "É o maior investimento da historia da Deputación nesta comarca, e moito máis importante que a que fixo calquera outra administración", asegurou a presidenta, que sinalou que "preto de 16 millóns corresponderon ao Plan Concellos".

"Falo de datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un", destacou a presidenta, son cifras que ninguén poderá refutar porque ningunha administración investiu como este Goberno nestes seis municipios". Carmela Silva sinalou que a cidadanía ten dereito a coñecer ao milímetro no seu territorio o que fan as administracións cos seus recursos. "Por iso vimos non con palabrería senón con feitos e con números estudiados ao céntimo que calquera pode cotexar"

En liñas xerais, a institución provincial investiu 16 millóns de euros no Plan Concellos; preto de 2,4 millóns de euros € entre o PICEI de 2016, o Plan de Reequilibrio 2017-2018 e o DepoRemse en Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces; 1,9 millóns noutros proxectos e plans; 3,5 millóns de euros en Emprego e Formación; 1,1 millóns de € na área de Cohesión Social e Xuventude; 2 millóns de euros en Mobilidade; 212.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes; arredor de 225.000 € en Deportes; máis de 500.000 € en Cultura; máis dun millón de euros en Medio Ambiente; outros 125.000 € na área de Novas Tecnoloxías ou 523.000 euros en Turismo, sen esquecer os 5,4 millóns de euros investidos no que vai de mandato na Finca de Mouriscade, ou 711.000 euros no funcionamento da Oficina de ORAL.

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento de preto de 16 millóns de euros na comarca, con 1.874.806,26 € para Agolada, 1.336.811,59 € para Dozón, 5.838.182,96 € para Lalín, 1.882.258,91 € para Rodeiro, 2.666.027,92 € para Silleda e 2.353.365,92 € para Vila de Cruces.

Dentro dos plans para favorecer o equilibrio territorial entre os concellos castigados polo anterior Goberno provincial, Silleda recibiu 439.000 € no PICEI para o campo de fútbol de Bandeira. No Plan de Reequilibrio, a Deputación achegou 354.000 € a Rodeiro para a mellora e adaptación á normativa vixente do pavillón polideportivo e ximnasio municipais, así como outros 706.000 € a Silleda para a segunda fase do campo de fútbol de Bandeira.

Ademais, Carmela Silva lembrou que o Plan DepoRemse, "feito con bases e criterios obxectivos como todos os nosos plans, ao contrario do que se facía antes", deixou entre os concellos da comarca máis de máis de 900.000 euros para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria nos espazos públicos de Silleda (449.000 € para actuar na mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna do centro de saúde e centro social de maiores) e Vila de Cruces (436.000 € para unha actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna do CEIP, a gardería e o polideportivo).

O investimento noutros plans á marxe dos mencionados ascende a 2 millóns de euros cos que se financiou o Plan de emprego de 2015, os préstamos sen xuros, os compromisos xa cumpridos no viveiro de empresas de Lalín, a reposición de céspede no Camballón, a doazón de materiais de espazos públicos, a iluminación exterior sustentable para Dozón, Rodeiro e Silleda, a adaptación de punto limpos, a mellora da eficiencia enerxética, a reparación de instalacións deportivas e subministración de material e Degusta Europa.

Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que "en tres anos financiamos na comarca de Deza a creación de 358 postos de emprego e de formación, cun investimento de 3.536.644,04 €" entre o Plan Concellos, con 2.465.000 €, e os distintos plans de práctica laboral, o Prácticum Depo Erasmus+ e programas como DepoIntegra Xoven e depoEMPRENDE, outros preto de 1.072.000 €.

No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado na comarca de Deza sitúase en 1.140.654,67 €, que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a máis de 2.700 veciñas e veciños cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu máis de 850.000 € no plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios, dedicou máis de 110.000 € para axudas de emerxencia, e mellorou a vida das persoas maiores a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron preto de 100 homes e mulleres de Agolada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. No que se corresponde cos programas de actividades e de atención cidadá, Silva sinalou que "mobilizamos a case 9.ooo persoas e 30 asociacións a través de Depo en marcha, En ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo lazos, DepoRúARTE e Depo Aventura".

En canto á Mobilidade, a presidenta Carmela Silva informou de que o investimento foi próximo aos 2 millóns de euros (1.936.109,84 €) para a realización de "obras de mellora nas estradas provinciais de Deza e distintos plans de mobilidade". Nos últimos tres anos, sinalou, "licitamos e/ou iniciamos obras por importe de máis de 700.000 euros" Tamén se financiou a realización de asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento das obras; o Plan Móvese; o Plan de sinalización viaria; o Plan de pintado das estradas, e o Plan de rozas e limpezas.

Na área de Igualdade, o investimento foi de máis de 212.000 € para "fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con iniciativas como case 200 cursos", sinalou a presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar actuacións. A través do programa Conectadas, financiáronse 185 cursos colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e culturais, ás que se lles achegou formación transversal en igualdade. Ademais, o programa Mulleres en acción. Violencia zero chegou aos concellos, ao igual que Sorrisos transformadores ou o programa Cinema e muller.

En canto a Deportes, Carmela Silva sinalou que "investimos máis de 224.000 euros en axudas, beneficiando a máis de 60 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e máis de 100 nenas e nenos que participaron nas DEPOrte Escolas". A presidenta provincial destacou a liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores; a de achegas aos clubs de categoría estatal e as achegas a clubs da categoría rexional preferente. No apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas, a institución provincial financiou actividades de clubs da comarca, ao igual que a deportistas individuais, ademais da Copa Deputación coa participación de 9 clubs de fútbol. A Deputación de Pontevedra tamén instalou novas DEPOrte Escolas. A presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.

Na área de Cultura, a Deputación investiu máis de medio millón de euros para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, entidades e comisións de festas dos concellos de menos de 50.000 habitantes da comarca. A presidenta lembrou que "cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua, financiamos axudas para a dinamización da lingua galega, e as destinadas á rehabilitación e sinalización do patrimonio. Destacan nesta liña a adquisición dun pendello para a restauración dos Pendellos de Agolada e un proxecto de sinalización; a estabilización do cruceiro de Lalín de Arriba; a conservación e restauración do conxunto urbano-medieval do foxo de Deza, a senda botánica de Carboeiro en Silleda; ou os paneis informativos do mosteiro de Camanzo en Vila de Cruces. A Deputación tamén investiu na colaboración cos concellos e comisións de festas para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal e no marco de Musigal, que leva a música galega e en galego por todo o territorio da provincia.

A Deputación tamén investiu máis dun millón de euros en Medio ambiente para implantar "un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos". A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 24 actuacións na comarca. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron a cooperativas de Deza e ademais, asináronse convenios coa Fundación Semana Verde.

No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación de Pontevedra sitúase próximo aos 125.000 € "para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme". No caso da administración electrónica, "no que somos a única administración de todo o Estado co 100 % dos concellos", formamos a un total de 433 persoas funcionarias, e pola súa banda SmartPeme beneficiou a 58 empresas desde a oficina de Lalín.

En canto a Turismo Rías Baixas, o investimento na comarca situouse en máis de 500.000 euros financiando actuacións de promoción en todos os concellos, resaltando as campañas de promoción dos recursos turísticos de Lalín, o patrocinio da serie O Final do Camiño que foi rodada en Silleda ou tamén a incorporación de pezas dos xacementos da comarca na exposición Galaicos que acaba de ser inaugurada no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid.

Fotos