Noticias

A vendima da explotación vitivinícola do castelo de Soutomaior deixa 16.000 quilos de uva albariña

A institución provincial recibirá preto de 16.000 euros pola colleita que foi adxudicada mediante unha poxa pública á adega Quinta das Eirás


16 setembro 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de entregar preto de 16.000 quilos de uva albariña froito da vendima da explotación vitivinícola do castelo de Soutomaior. A diferenza do acontecido nos anos anteriores, desde o inicio da actual lexislatura a recolleita da uva albariño deste espazo público, propiedade da institución provincial, lévase producindo a través dunha poxa pública mediante procedemento aberto.

Lembramos que a empresa gañadora da poxa foi Quinta das Eirás, S. L., que ofertou un prezo por quilo situado en 1,008 euros. Isto significa que, unha vez entregados os 15.529 quilos de uva albariña á bodega, a Deputación de Pontevedra recibirá un total de 15.653,23 euros froito desta venda. Os preto de 16.000 quilos de uva recollidos están en sintonía coa cantidade recollida o ano pasado e supón un incremento de máis de 1.000 quilos respecto ao recollido en 2015.

Por terceiro ano consecutivo, as empresas interesadas en vendimar a uva do castelo de Soutomaior puideron presentar as súas propostas e a adega gañadora, Quinta das Eirás, S. L. neste caso, foi a encargada de levar a cabo a vendima da uva, da recollida da mesma na leira do castelo e tamén do traslado á súa adega. O único criterio de adxudicación que se tivo en conta desde a institución provincial foi a puxa máis alta, partindo dun prezo mínimo establecido en 1 euro por cada quilo recollido. No caso de ter habido dúas ou máis propostas idénticas, a uva repartiríase por igual entre as empresas interesadas.

O castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982. A súa explotación vitivinícola, cunha extensión de catro hectáreas (o castelo ten unha extensión de 33), data do ano 1984.