Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica a colleita da uva de Soutomaior a adega Quinta das Eiras

A empresa ofertou 1,008 euros por quilo para as preto de 18 toneladas que se esperan colleitar ao longo dos próximos dias nas catro hectáreas de viñedo do castelo


24 agosto 2017
quinta das eiras

A mesa de contratación da Deputación de Pontevedra, presidida polo deputado, Carlos López Font, analizou hoxe a poxa realizada para a colleita de uva do castelo de Soutomaior. A oferta presentada pola adega Quinta das Eiras foi a elixida pola mesa de contratación para a adxudicación dos case que 18.000 quilos que poderían recollerse nos próximos días.

En concreto a adega Quinta das Eiras presentou unha oferta de 1,008 euros por quilo de uva recollida, que agora, unha vez comprobada a totalidade da documentación, será adxudicada por unha resolución do deputado delegado de Patrimonio, Carlos López Font. Con este proceso conclúese, un ano máis, o proceso de poxa pública para as uvas que produce a finca do castelo de Soutomaior nas súas catro hectáreas dedicadas a este cultivo.

Desde o cambio de Goberno na Deputación, en xullo de 2015 e baixo a presidencia de Carmela Silva, adoptouse o sistema de poxa pública para as uvas do castelo. En 2015 a colleita foi de 14.720 quilos  que vendeuse a un prezo de 0,98 euros por quilo. O ano pasado a colleita foi de 15.815 quilos e vendeuse a un prezo de 1,32 euros por quilo. Neste ano, a previsión é que a colleita sexa entorno aos 18.000 quilos pola boa calidade e cantidade da uva que presenta a explotación, aínda que ate que adega non finalice os traballos de recollida non se terán os datos definitivos.

Lembramos que o castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1.982 e os seus viñedos, que contan con catro hectáreas (o castelo ten unha extensión de 33), datan do ano 1.984.