Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia un ano máis a poxa da uva albariña do Castelo de Soutomaior

A institución provincial estableceu un prezo mínimo dun euro por quilo e espera contar cunha colleita de arredor de 18.000 quilos


12 agosto 2017
Viñedos

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar, un ano máis, o procedemento aberto para o alleamento mediante poxa pública da uva albariña da leira do Castelo de Soutomaior. Este emblemático edificio histórico, propiedade da institución provincial desde o ano 1982, conta cunha explotación vitivinícola de máis de catro hectáreas das máis de 30 coas que conta todo o complexo.

O goberno de Carmela Silva, deste xeito, leva a cabo a poxa pública da uva do Castelo por terceiro ano consecutivo e agarda contar cunha colleita de máis de 18.000 quilos, un aumento considerable fronte aos máis de 16.000 quilos que se recolleron o ano pasado e fronte aos 14.700 quilos de 2015, en consonancia coas previsións de récord do sector para a vendima deste ano, que se producirá arredor da fin de semana do 8 ao 10 de setembro.

As empresas interesadas en vendimar a uva do Castelo de Soutomaior poden presentar as súas ofertas, ata o vindeiro 19 de agosto, partindo do prezo mínimo establecido nun euro por quilogramo de uva. A adega gañadora será a encargada de levar a cabo a vendima, da recollida e tamén do traslado da uva do Castelo e o único criterio de adxudicación que terá en conta a institución provincial será a poxa máis alta.