Noticias

A quinta edición do programa "Mulleres en acción. Violencia zero" chega este luns a Cangas cunha acción de Sheyla Fariña

A iniciativa da artista, titulada O mito que mata, levarase a cabo ás 13:00 horas no IES María Soliño e tratará de rachar co mito do amor romántico


09 marzo 2020

O concello de Cangas acollerá este luns a oitava acción desta edición do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero" coa actuación da artista Sheyla Fariña, que desmitificará o amor romántico coa interacción do alumnado de 4.º da ESO do IES María Soliño. Farao a través dunha acción na que as rapazas e os rapaces observarán os estereotipos que moitas veces lles ensinan a literatura ou o cine e sacarán as súas propias conclusións nun obradoiro participativo. Despois, realizarán un desfile no que racharán cos diferentes mitos do amor romántico.

Sheyla Fariña é unha actriz galega de teatro, televisión e cinema licenciada en Arte Dramática. Comezou a súa carreira profesional cunha personaxe secundaria na serie da Televisión de Galicia Valderrei, e logo alternou a súa formación con outros proxectos audiovisuais coma Vilamor, Serramoura ou Acacias 38. O seu último proxecto audiovisual é a película galega María Solinha, en cuxa produción colabora a Deputación de Pontevedra mediante financiación e que se estreará no mes de maio.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición comezou en novembro de 2019 e vaise realizar novamente en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).