Noticias

A mostra Exodus sobre o drama dos refuxiados pódese visitar en Vilaboa ata o 4 de xaneiro

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, inaugurou a exposición na Casa da Cultura Riomaior


19 decembro 2016
Exodus

A Casa da Cultura Riomaior de Vilavoa acolle desde hoxe luns 19 de decembro a exposición fotográfica "Exodus: na procura de refuxio". A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, inaugurou esta tarde a mostra acompañada polo alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, e demais representantes da corporación municipal. A exposición foi elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015. O seu traballo documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. "Exodus" poderase visitar entre os días 19 de decembro e 4 de xaneiro de 2017 na Casa da Cultura Riomaior de Vilaboa, de 16:00 a 22:00 horas, de luns a venres.

Respecto desta mostra a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, lembrou que "Exodus provén dos termos latino e grego que significan saída". As persoas protagonistas destas imaxes son persoas que precisamente escapan dos seus territorios, "arriscando as súas vidas ata o punto de que poden chegar a perdelas no Mediterráneo", sinalou a deputada provincial, "buscando unha nova vida chea de ilusión e esperanza, pero atopándose con outra dura realidade e outra crise, a da Unión Europea como sinónimo de unión e de solidariedade, un muro de intransixencia que non responde ás súas expectativas nin aos principios que supostamente forman parte da identidade da Unión Europea".

Digna Rivas explicou que o obxectivo da mostra é "facer reflexionar a sociedade, a todos os ollos que observen estas fotografías" porque "é un drama moito máis próximo a nós do que podemos supoñer". Ademais, asegurou, "témonos que sensibilizar co seu sufrimento" e, ao mesmo tempo, "impulsarnos a ser mellores persoas" xa que "o día de mañá esas persoas poderiamos ser nós. Esta situación non entende nin de clases sociais, nin de niveis de educación nin doutras circunstancias persoais", asegurou a deputada provincial.

A exposición xa se exhibiu entre o 29 de abril e o 10 de xuño no pazo provincial da Deputación "pero pareceunos boa idea que se fixese itinerante para que recorrese os concellos da provincia" e que a súa veciñanza, tal como sinalou Digna Rivas, "saiba o que está a acontecer". A deputada lembrou que esta mostra forma parte do compromiso que ten a Deputación de Pontevedra como institución pública co labor de divulgación de información e, deste xeito, "Exodus" xa chegou aos concellos de Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Nigrán, Forcarei, Catoira, Moaña, Tomiño, Rodeiro, As Neves, Cambados e, agora, Vilaboa, á espera de máis incorporacións nas vindeiras datas. "Non queremos parar", asegurou Digna Rivas.

Cómpre lembrar que Europa se está a enfrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25 % delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de persoas dirixidas polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveas a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

19 xul 2016, exposición, salceda de caselas, exodus, fotografía
Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

24 xuñ 2016, cultura, exposición, exposiciones, exposicións, fotoperiodismo, fotoxornalismo